O pavillón municipal da Gándara acollerá este sábado o XXVI Torneo de Balonmán Cidade de Narón

Rubén Fernández e Román Romero na presentación do Torneo de Balonmán Cidade de Narón | Concello de Narón

O concelleiro en funcións de Deportes, Román Romero, e o presidente do Club Balonmán Narón, Rubén Fernández, presentaron esta mañá a vixésimo sexta edición do Torneo de Balonmán Cidade de Narón. Este evento deportivo, con entrada de balde, celebrarase o vindeiro sábado, día 8, no pavillón municipal da Gándara, tal e como indicou Romero.

Nesta edición do torneo participarán os clubes de balonmán: Narón Grupo Capela, Atlántico e Línea 21 (da Coruña), Veretanos del Tirso (Ferrol) e Veteranas Ferrolterra. A partir das 10.00 horas disputaranse os partidos das equipas de base (alevín mixto e infantil masculino), ás 18.00 horas será o turno das senior femininas e ás 19.30 das senior masculinas. Entre as 16.00 e as 18.00 horas aproximadamente, a pista quedará libre para que os nenos dos clubes xoguen e realicen actividades, tal e como se indicou dende a organización.

A maiores do torneo tamén se presentaron as Xornadas de portas abertas que durante todo este mes impulsa o Club Balonmán Narón. Dirixidas a nenos e nenas a partir de 4 anos, e co obxectivo de ampliar as equipas alevín mixto e infantil masculino e tamén de facer un equipo xuvenil masculino e comezar a formar un grupo dende os 4 anos, convócanse estas xornadas, tal e como indicou Rubén Fernández. A cita é cada martes, de 19.00 a 20.00 horas no pavillón da Solaina e os venres de 16.00 a 17.00 horas no da Gándara. As persoas interesadas en recibir máis información ao respecto poden contactar co citado clube local chamando ao número de teléfono 689 045 233.

O presidente do Club Balonmán Narón agradeceu o respaldo do Concello para organizar un ano máis na cidade este torneo deportivo. Pola súa banda, o concelleiro en funcións de Deportes destacou o traballo que realiza este clube local, cuns setenta deportistas federados na actualidade e arredor de 150 socios e socias. “Quero animar ás nosas veciñas e veciños a que acudan ao torneo para ver o gran traballo que se realiza no deporte en xeral na nosa cidade e no balonmán en particular, e tamén a que coñezan polo miúdo o clube a través desas xornadas de portas abertas este mes de xuño”, asegurou Romero, que desexou sorte ao equipo local este sábado.

Lea también

A Deputación destina 553.000€ para financiar ata 80 entidades deportivas da provincia

A Deputación da Coruña vén de conceder un total de 80 axudas a diferentes entidades …