Á espera de que a RAG designe este sábado a Carvalho Calero como figura do «Día das Letras Galegas-2020»

Medios sociais, culturais e cidadáns de Ferrol están pendentes do pleno da Real Academia Galega que se celebra este sábado ás once da mañá na súa sede coruñesa e no transcurso do cal se designará á persoa á que se dedicará o «Día das Letras Galegas 2020 «

En varias ocasións «sonou» o nome do ferrolán Ricardo Carballo Calero-Carvalho Calero como o personaxe ao que se lle dedicaría ese Día, pero tamén nesas ocasións a candidatura presentada saíu derrotada ao non contar co apoio suficiente, xeralmente sempre «gañaba» o proposto polo presidente e o seu grupo de académicos que gobernan a RAG.

Pero nestes momentos parece que todo podería ser posible e que por vez primeira un nado en Ferrol podería ser a figura principal das Letras Galegas no próximo ano.

Dous grupos presentan a mesma proposta, o de «os de sempre» , os que levan uns anos propoñendo a Calero e o maioritario encabezado polo presidente da RAG que xa deben estar mais que cansados de recibir críticas pola súa » non é non».

A cruzar os dedos e a esperar que o sentidiño impere este sábado.

Comunicado da Comisión Carvalho Calero

A Comisión Carvalho Calero emitiu un comunicado «Reivindirmos Carvalho Calero» xusto horas antes da sesión da RAG. Sinalan que

«Desde 1980, ano de xubilación de Ricardo Carvalho Calero, houbo xente interesada en situar a súa figura nun exilio interior ou ostracismo, situación que se agravaría a raíz do seu falecemento en 1990.

Son coñecidas as contradicións e presións que, até hoxe, impediron á RAG declaralo protagonista do Día das Letras Galegas. Non é, pois, brincadeira afirmar que o primeiro docente de lingua e literatura galegas na Universidade de Santiago, o pai lingüístico de varias xeracións, foi vítima dun interesado esquecemento. El mesmo definiu esa realidade : “… certas elites entenden que non deven realzar a personalidade dun disidente… e que nen como estudoso nen como pensador sobre os problemas culturais da nosa terra atinxo a altura que eles sinalan”.

Con certeza, nesa xenreira influíu decisivamente o feito de don Ricardo defender que o noso idioma forma parte do sistema lingüístico galego-portugués, opción diferente, xa que logo, da oficial. Mais tamén a súa exemplar dignidade persoal, a súa independencia cívica e a súa coherencia fronte aos que, como el escribiu, o deixaron só, “fundando unha colónia co mesmo nome”. Nese sectarismo persistiron até hai uns días.

Non obstante, en diferentes lugares do país, tamén houbo actividades diversas encamiñadas a reivindicar a figura do profesor Carvalho Calero. En 2010, 2011, 2013, 2014, 2015, 2016, 2018, montáronse en Ferrolterra comisións encamiñadas a promover a concesión das Letras Galegas a Carvalho Calero, que acadaron, en todas as ocasións, abondosos apoios institucionais, asociativos e particulares. Recolléronse sinaturas, organizáronse recitais, conferencias, exposicións…, para que lle fóra dedicado o Día da nosa lingua e cultura a don Ricardo, “esgrévio” galeguista que ao longo de máis de sete décadas desenvolvera un inmenso labor poético, narrativo, ensaístico, xornalístico, académico, lingüístico, docente, político a prol da Galiza, da nosa lingua e da nosa cultura. Porén, a Real Academia Galega nunca tomou en consideración positiva a proposta. Sempre apareceu algún pero que lle apor.

Neste xuño de 2019, tanto quen na RAG sempre defenderon a figura de Carvalho Calero como quen a el se opuñan, van propor as Letras Galegas 2020 para don Ricardo, un xigante nun país de moit@s anan@s.

Avaliamos como moi positiva esta decisión e facemos votos para que a sociedade ferrolá e a Galiza enteira tiren o máximo proveito desta circunstancia.
Porén, afirmamos que o pensamento e obra de D. Ricardo vai alén do Día das Letras e convidamos aos nosos cidadáns a seguir reivindicándoo. O noso contributo será a publicación “Hei de entrar no meu povo. Reivindicarmos Carvalho Calero”, libro que, da man da editorial Embora, verá a luz en breve.»

Ferrolterra, Xosé María Dobarro, Xosé Manuel Pazo, Bernardo Máiz, Vitor Santalha.

Lea también

Xavier Alcalá e Manel Cráneo presentan en Ares a novela gráfica ‘Cinza’

O salón de actos da Alianza Aresana acolle o venres 19 de abril, ás 19:30 …