Os alevíns do Aldebarán, entre os seis mellores do volei estatal

O Aldebarán cos outros dous representantes galegos | Concello de San Sadurniño

Non culminaron a xesta pero pouco lles faltou. E iso que ían probar a ver que pasaba. E o que pasou foi iso, que a escuadra azul formada por Adrián, Anxo, Duarte, Iván, Julio, Rubén, Samuel e Sergio -con Pablo Parga e Antonio Dopico- no banquiño confirmouse como a revelación do campionato estatal de volei alevín celebrado en Valladolid durante a fin de semana. Quedaron sextos, un posto máis que destacado se temos en conta que na competición había outros 30 equipos e que moitos deles contan con máis orzamento, máis cadro técnico e, en resume, moitas máis e mellores condicións para estar sempre arriba. Porén, o volei é o volei e o talento é o talento, e a rapazada de San Sadurniño tirou de tranquilidade e afouteza para sacar de dentro un talento que nós xa sabiamos que tiñan e que eles exhibiron con humildade nas pistas do Pisuerga durante tres días.

Foi unha intensa fin de semana de voleibol que comezou o venres pola mañá con dúas victorias consecutivas para os de San Sadurniño, primeiro contra o Manacor ganándolle 0-2 e logo fronte ao Santo Domingo Voleibol Petrer, a quen tamén venceron por 0-2. Nesta primeira fase de grupos aínda terían que xogar un terceiro encontro pola tarde contra un dos favoritos, o Wefferent Mintonette Almería, que non lles deu demasiada opción e acabou impoñéndose en dous sets con marcadores idénticos: 25/18 e 25/18.

A segunda fase do campionato comezou o sábado cun Aldebarán cargado de ilusión como segundo equipo do seu grupo e disposto a dalo todo. Ás 10.30 xogaron contra o Cisneros Alter, a quen tumbaron por 2 sets a 1 dentro da rolda na que xa só entraban os 16 mellores. Ás 13.30 enfrontáronse ao Manuela Rial Voleibol Dumbría, outro dos favoritos e, xunto ao Boiro, un dos tres equipos galegos en competición. Os cativos dirixidos por Parga e Toñito de Pantaleón sucumbiron 25/14 e 25/14, quedando sen opcións a loitar pola parte de arriba da táboa pero coa oportunidade de escalar algún posto máis. Algo que se confirmou no último partido do sábado derrotando ao Motilla por 1 set a 2.

Esta última victoria deulles a oportunidade de loitar polo 5º lugar na mañá do domingo contra o Cat. La Gran Familia Voleibol. Foi un partido intenso no que o Aldebarán nada puido facer no primeiro set -11/25-, aínda que no segundo mesmo chegou a ameazar a superioridade rival. Non foi nada, e os extremeños sentenzaron o partido cun 20/25.

Así as cousas, o CV Aldebarán San Sadurniño alevín rematou a súa andaina no campionato estatal cun máis que meritorio 6º posto que vén confirmar a existencia dunha prometedora canteira capaz de todo e un excepcional estado de saúde na base do volei galego, xa que deses seis primeiros equipos, tres eran de aquí: os de San Sadurniño, o Manuela Rial Dumbría -2º clasificado tras perder na final contra o Granadas de Elche- e o Jealsa Boiro, que quedou 4º.

O pope do volei local, Manolo Seco, comentaba o sábado á tarde -logo de saber que os rapaces loitarían o domingo polo quinto posto- que a experiencia de participar nun estatal e con tan bo resultado «vailles quedar gravada para toda a vida«. O equipo alevín será recibido oficialmente no Concello nos próximos días en recoñecemento a este éxito e tamén a unha fantástica temporada na que se fixo coa copa Xogade da Coruña e conseguiu o 3º posto no campionato galego da categoría.

Lea también

Narón acolle o “XXIII Trofeo de Baile Deportivo Cidade de Narón” e o “Campionato Galego de Standard”

O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, e o presidente do Club de Baile Deportivo Narón, …