Charo Pita e A Banda do Garaxe iniciaron os espectáculos do programa «Verde que te quero verde» en Xuvia

A escritora e cantante Charo Pita e os integrantes da Banda do Garaxe protagonizaron os espectáculos do inicio do programa municipal «Verde que te quero verde», que este ano alcanza a súa terceira edición. Numerosas familias achegáronse á praza Irmáns Freire, en Xuvia, para gozar da xornada na que os nenos e nenas interactuaron con Charo Pita durante a súa actuación e bailaron tamén ao ritmo da música da Banda do Garaxe, integrada por mozas e mozos de Ferrolterra. O Padroado da Cultura de Narón organiza un ano máis esta proposta, de balde e co fin de levar parte da programación cultural a espazos púbicos da cidade.

A tamén narradora oral Charo Pita presentou en Xuvia o seu novo traballo «No país do vento«. A base de melodías foi contando ao público pequeñas historias protagonizadas por diferentes personaxes e animais, logrando en todo momento interactuar cos asistentes. Trala actuación de Charo Pita chegou o turno da Banda do Garaxe, que interpretou varios temas recoñecidos polo público, que bailou ao ritmo de música moderna e festiva.

Continúa o 7 de xullo

A programación de «Verde que te quero verde» continuará o vindeiro 7 de xullo no parque da rúa 25 de Xullo, no Alto do Castiñeiro. A partir das 12.30 horas comezará a convocatoria, protagonizada polo músico coruñés Pablo Díaz e a agrupación musical Le Barluthier.

O día 14 de xullo será o turno do artista galego Pulpiño Viascón, compositor e multiinstrumentista e da formación Broken Peach , que actuarán a partir das 12.30 no parque localizado nas inmediacións da rúa Francisco Pizarro, na Solaina.

Pecharán esta terceira edición de «Verde que te quero verde» o 21 de xullo, o músico Paco Nogueiras e o cantor e compositor Fred Martins no parque da rúa Mariña Española, tamén a partir das 12.30 horas.

Lea también

Narón acomete melloras no firme de varios parques infantís

A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras e Urbanismo, …