San Cristovo e as Festas dos Taxistas en Pontedeume

José Fonte Sardiña
Conta a lenda haxiográfica que Cristovo era un xigante dedicado á milicia ata que undía un monxe eremita lle falou de Deus e o soldado decidiu converterse, abandonou o exército e preguntoulle ao anacoreta como debía servir ao seu novo Señor. O home de Deus propúxolle que utilizase a súa enorme estatura e forza para axudarlles aos camiñantes a vadear un río que por alí había.

Así o fixo e, un día, un neniño que por alí pasaba pediulle que o levase á outra beira no seu colo. O xigante aceptou con gusto, crendo que lle sería doado transportar a alguén tan pequeno, pero, consonte avanzaba polas augas cara á outra orela, o peso do neno íaselle facendo cada vez máis difícil de aturar.

Vencido aquel home de ben polo esforzo, tivo que ser o pequerrecho o que o salvase de afogar. O xigante, moi sorprendido, preguntoulle por que lle resultaba unha carga tan pesada sendo el ben miudiño e o neno respondeulle que porque el era Cristo e cargaba co peso da humanidade, polo que aparece coa bóla do mundo na man na imaxe eumesa de san Cristovo e rubido nela na do Neno Xesús que se aloxa no retablo de Santa Lucía no lado da Epístola da nosa igrexa parroquial de Santiago de Pontedeume.

Retablo Santa Lucía

O Neno Xesús díxolle que a partir dese día se chamaría Cristovo, porque unha vez transportara a Cristo, e por iso na actualidade é o patrón dos viaxeiros.

En Pontedeume, cando eu era novo, foron tempos, celebrábanse con moita fachenda as festas na honra deste santo, tamén chamadas dos Taxistas, que contaban coas mellores orquestras que daquela había en Galicia, entre as que nunca faltaban Los Satélites, a que máis sona tiña de todas, e o Grupo Lumbre, no que a maioría dos seus compoñentes eran eumeses. As festas mesmo chegaron a durar catro días nos tempos do Bólido. O dez de xullo saía en procesión san Cristovo subido na baca dun taxi e acompañado por unha gran caravana doutros taxis e tamén de coches particulares, e percorría as parroquias do concello de Pontedeume.

Hoxe, todo quedou reducido, o que non é pouco, a unha misa solemne na igrexa parroquial da vila e á procesión arredor do adro coa imaxe, no seu trono, portada por catro profesionais do taxi, de san Cristovo, en actitude de camiñar, apoiado nunha modesta vara que agarra coa man dereita e levando sobre o ombreiro esquerdo, como na lenda, ao Neno Xesús, que bendice o pobo coa súa destra e carga coa bóla do mundo na sinistra.

Lea también

«Só Elas» en su V Aniversario

Julia M.ª Dopico Vale En abril de 2019 se presentaba ante el público ferrolano la …