A alcaldesa presidiu a recepción oficial aos seis menores de Chernóbil que pasarán o verán con familias de acollida de Narón

O Concello de Narón acolleu na mañá deste martes, ás 12.00 horas, a recepción oficial aos seis nenos e nenas que, procedentes de Chernóbil, pasarán o verán con familias de acollida da localidade. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu o acto, no que estivo acompañada pola concelleira de Benestar Social, Catalina García, e polos portavoces de Terra Galega, Román Romero; PSOE, José David Pita; PP, Germán Castrillón e BNG, Olaia Ledo. Os familiares que acollerán a Evgenii Viktorovich, Konstantin Ruslavovich, Margarita Vladimirovna, Sofía Sergeevna, Ekaterina Sergeevna e María Andreevna asistiron tamén á convocatoria. A ONG Ledicia Cativa, representada por Montse Toimil, tamén presente no acto, impulsa un ano máis esta iniciativa na cidade. Os nenos e nenas teñen entre 8 e 14 anos e chegaron a Narón o pasado 28 de xuño tendo previsto o regreso coas súas familias para finais do vindeiro mes de agosto.

A alcaldesa deu a benvida aos participantes no programa, aos que desexou unha moi boa estancia na cidade e animou a coñecela máis polo miúdo, así como a disfrutar das múltiples actividades e festas que se desenvolven en Narón coincidindo coa tempada estival. Así mesmo, Marián Ferreiro destacou o labor das familias de acollida “sen as que este tipo de iniciativas non serían posibles” e valorou a súa participación neste programa. Tamén tivo palabras de agradecemento Ferreiro para a ONG Ledicia Cativa, coa que o Concello mantén un convenio de colaboración por un importe anual de 3.500 euros.

A través deste programa de acollida temporal nenos e nenas rusos afectados pola radiación de Chernóbil –proceden de zonas donde se rexistraron “desastres ecolóxicos”, tal e como se recordou dende a ONG Ledicia Cativa- pasan un días nun proceso de recuperación da saúde fóra do seu país, un dos obxectivos desta iniciativa.

Antes de despedirse dos representantes da corporación local os menores recibiron uns agasallos –unha mochila, un vale por importe de 60 euros para gastar no establecemento local Din&Don, e un lápiz da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui.

Lea también

O Concello de Narón acolle ata o 3 de maio unha exposición sobre saúde mental

A pranta baixa do Concello acolle dende este xoves 18 e ata o vindeiro 3 de …