Unha vintena de mozos e mozas de Narón participan no campamento municipal «Vive o verán»

A vintena de mozas e mozos de Narón que participan no campamento municipal Vive o verán realizaron na mañá deste  mércores a Ruta dos Muíños. A concelleira de Turismo da cidade, Natalia Hermida, desprazouse ao punto de partida que elixiron nesta ocasión para a camiñata, na zona do paseo marítimo de Xuvia, para reunirse cos rapaces e rapazas e interesarse polos primeiros días deste campamento, iniciado o pasado luns e que rematará o vindeiro domingo, día 14. A convocatoria, dirixida a menores nados entre 2001 e 2006, ten lugar nas instalacións da Casa da Mocidade, na Gándara, e inclúe unha pernocta no Centro Integrado de Desenvolvemento Rural de Aldea Nova, en Sedes, ademáis dalgunhas actividades na citada ubicación e tamén saídas por Narón e outros concellos da comarca.

Ao longo da mañá os participantes neste campamento tiveron a oportunidade de coñecer un dos roteiros máis característicos do municipio, a Ruta dos Muíños, que dende o ano pasado conta cun sistema de audioguías que permite coñecer parte da historia dos muíños e outros elementos localizados nas inmediacións do río Xuvia e ata a parroquia de Doso. A edil de Turismo explicoulles o citado sistema, que inclúe códigos QR con explicacións –en galego, castelán e inglés- sobre os puntos de interese da ruta, tal e como comprobaron no localizado xunto ao magnolio centenario. O mosteiro de San Martiño de Xuvia, o muíño das Aceñas, o magnolio de Xuvia, o muíño de Xuvia, a Presa do Rei, o muíño de Entrerríos, a ponte románica de Pielas, a fonte de Odín, a antiga igrexa de Doso e a área recreativa de Pedroso son os puntos de interese desta ruta.

Na xornada deste xoves os participantes neste campamento participarán nun obradoiro de skate, nunha acción formativa sobre sexualidade e en obradoiros de impresión en 3D e grafite. O venres realizarán unha nova ruta, nesa ocasión pola zona das Fragas do Eume, ata o mosteiro de Caaveiro e pola tarde regresarán en bus ao Parque integrado de Desenvolvemento Rural de Aldea Nova, na parroquia de Sedes.

Nesa última ubicación realizarán varias actividades durante o sábado, xornada na que pernoctarán alí para o domingo finalizar o campamento Vive o verán cun almorzo e unha sesión de avaliación desta iniciativa e, ás 12.00 horas, dar por finalizado este campamento municipal. Ao longo da semana, o luns e o martes, os mozos e mozas realizaron xogos grupais, deseñaron grafites e visitaron o pobo mariñeiro de Redes, en Ares, donde practicaron paddle surf e kaiak.

A través deste campamento apostamos por ofrecer aos mozos e mozas de Narón unha serie de actividades adaptadas ás súas idades e para poder disfrutar durante unha semana en Narón e tamén noutros concellos, coñecendo a riqueza patrimonial e natural da comarca e, ao mesmo tempo, con propostas formativas como obradoiros e outras iniciativas de ocio”, destacou Natalia Hermida.

Lea también

O Goberno de Narón chega a un acordo para manter o servizo de madrugadores

O goberno local e as Anpas de Narón chegaron a un acordo para manter temporalmente …