A Festa da Virxe do Carme en Pontedeume

José Fonte Sardiña

O dezaseis de xullo sempre foi festa grande na vila de Pontedeume, de fonda vocación mariñá ―como recolleu Abelardo Miguel en moitos dos seus marabillosos lenzos―, e tamén na miña casa, non en balde avoa Marina ―á que eu non cheguei a coñecer― fora peixeira, meu pai era un curtido mariño que sucou os mares de Europa e do alén e meu irmán máis novo, un acreditado mariñeiro nas nosas rías e nos mares máis afastados. Así pois, o día da patroa do mar cumpría celebralo por todo o alto. Coma sempre desde que morreu, este ano tamén, coa lembranza do meu pai e un arrepío nas entrañas, cantarei, xa ben cedo, o día da festa a Salve marinera, que sempre me chega ao corazón.

Xa os días anteriores, a imaxe da Virxe do Carme, que se aloxa todo o ano nun pequeno e modesto fornelo situado no lado do Evanxeo da capela eumesa das Virtudes ―que acolle tamén á patroa da vila no fermoso retablo do altar maior―, a carón da casa onde eu vivía, era trasladada ao Fogar do Pescador, para ser venerada polos seus devotos.

Cando eu aínda era novo, o día da festa, antes da misa solemne, que se celebraba na ribeira, a imaxe da Virxe ía sobre os ombreiros de catro mariñeiros, moitas veces acompañada pola danza de arcos ―uns anos bailaban a miña irmá pequena co grupo Airiños do Eume e outros os de Orballo―, ata o barco que a levaría navegando pola ría para a bendicir, e sempre desfilaba diante dela unha coroa de flores que logo era arrebolada ao mar.

Un dos barcos grandes da vila, engalanado coas bandeiras de Galicia e mais de España ―feitas en tea e izadas nun lugar preferente―, e as doutros moitos países ―realizadas en papel e colocadas nun sitio máis secundario―, tiña a honra, cada ano, de levar a Virxe do Carme ―que normalmente se xuntaba coa de Redes― pola ría de Ares, para bendicir o mar, e detrás del ían os demais barcos pesqueiros e de recreo tamén adornados con bandeiras. Entre eles estaba, como non, o noso caiuco, o Cariña de Rosa, gobernado polo seu patrón maior, o meu pai, que para a ocasión colocaba nun mastro as tres bandeiras, de Pontedeume, Galicia e España, que tamén levaba no corazón. Así e todo, algún ano fomos no Pedra Santa, que era un dos que adoitaba levar a Virxe e tiña por propietarios aos nosos primos, os fillos do meu querido tío Antón.

Desde o ano 1988, unha fermosa imaxe de pedra da Virxe do Carme preside, na Pena do Soldado, a praia de Zopazos, que está nada máis pasar a ponte de ferro, e despide e recibe aos mariñeiros que van ou veñen de pescar e a todos os que navegan pola ría de Ares, acolléndoos baixo o seu manto protector.

Foto de Lola Fornos Ríos-Garabana

Xa de volta na ribeira, a Nai de Deus regresaba ao Fogar do Pescador, e máis tarde, na igrexa parroquial, o párroco impoñíalle o escapulario do Carme, que eu sempre levo comigo, a todo aquel que quixese. Cumpría así coa tradición que asegura que a Virxe do Carme fixera a promesa de salvar das penas do Inferno a todo aquel que levase o seu escapulario no momento da súa morte. Este é o motivo polo que nos petos de ánimas aparece a Virxe do Carme tendéndolles a súa man aos fieis que se atopaban no Inferno ou no Purgatorio para subilos con Ela ao Ceo. Tamén a fachada do convento do Carme de Santiago de Compostela acolle a imaxe da Virxe que no arco do seu fornelo ten gravada a lenda “Quien muriere con este escapulario no padecerá el fuego eterno”.

Naquelas festas da miña nenez había, ademais, sardiñada o dezaseis e verbenas pola noite, e adoitaban durar dous días.

Nos últimos anos, a procesión polo mar e a misa na ribeira viñan celebrándose o sábado ou o domingo máis próximos ao dezaseis e o día do Carme había misa na igrexa parroquial de Santiago de Pontedeume e unha pequena procesión despois arredor do adro coa fermosa imaxe que se aloxa, escoltada polas de san Expedito e santo Tomás de Villanueva, no retablo da Virxe do Carme, no lado do Evanxeo deste templo.

Así e todo, este ano recuperouse a vella tradición e, aínda que a sardiñada se celebrará o domingo catorce, a procesión marítima e a misa do Carme na ribeira serán o día dezaseis, que é o da súa festa, como nos meus tempos nenos. Chamádeme nostálxico, pero eu, nin que dicir ten, estou encantado co cambio.

Lea también

Las cuentas del concello

Enrique Barrera Beitia El pasado lunes el pleno municipal ferrolano aprobó el presupuesto para 2024. …