As píllaras das dunas criaron este ano seis polos nas praias de Ferrolterra

Pillara en Santa Comba | Concello de Ferrol

As praias de Ferrolterra contan este ano con novos exemplares de píllara das dunas, unha especie catalogada como vulnerable polo reducido tamaño da súa poboación en Galicia. Durante esta tempada de cría naceron tres polos na praia da Frouxeira, en Valdoviño, e tres máis na ferrolana de Santa Comba. A eles hai que engadir os que naceron no Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros procedentes de ovos que, por distintos motivos, tiveron que ser recollidos dos areais para ser incubados. Ás tradicionais zonas do litoral ferrolán onde aniña a especie, Doniños e Esmelle, engadiuse este ano, como novidade, a de Santa Comba, onde apareceron dúas parellas, unha delas anelada e que en outras ocasións xa fora localizada en Esmelle, coñecida como a Campioa.

O delegado en Ferrol da Sociedade Galega de Historia Natural, Xan Silvar, que segue atentamente a evolución do Chadarius alexandrinus na comarca, explica que a tempada foi complicada debido ás tormentas e á acción de predadores naturais e mesmo de cans, que supoñen un serio problema cando percorren ceibos os areais. Silvar detectou que en zonas nas que hai moita afluencia de persoas e mascotas houbo postas que fracasaron. Por iso fai un chamamento aos donos de cans para que extremen a precaución á hora de pasear con eles.

Segundo os datos que manexa ata agora o Grupo Píllara de Ferrolterra, en marzo unicamente había unha parella en Esmelle (a Campioa) e un macho. En abril apareceron dúas parellas na Frouxeira e outras tantas en Doniños. Nesta última praia, o mar levou un niño, así que, por precaución, retiráronse os ovos de outro e leváronse ao centro de recuperación, onde naceron dous polos. A Campioa de Esmelle fixo dúas postas. A primeira levouna o mar e a segunda perdeuse pola acción dun depredador, posiblemente un raposo. Mentres, cada unha das parellas da Frouxeira puxo tres ovos. Unha delas conseguiu sacar adiante todos os polos, que foron anelados, pero no niño da outra apareceu un ovo roto, de modo que se decidiu levar os dous sans a Oleiros para que fosen incubados alí.

Xa en xuño, en Santa Comba apareceron a Campioa e outra parella. A Campioa perdeu outra vez a posta, cando só faltaban un par de días para a eclosión. Arredor do niño, que fora cuberto cun xaulón, descubríronse pegadas humanas e de can. O elemento de protección estaba dobrado. Por sorte, a outra parella logrou criar os tres polos.

Pese ás dificultades, este ano naceron de forma natural nas praias de Ferrolterra seis aves, e outras catro no centro de recuperación tras a incubación dos ovos. Desde o departamento de Medio Ambiente do Concello de Ferrol quérese aproveitar para concienciar sobre a importancia do ecosistema das praias do municipio e facer un chamamento para que se goce delas dun xeito responsable, respectando sempre as limitacións que esixa a conservación do medio natural. Lembran tamén que é vital facer caso das sinalizacións que se instalan para informar das áreas que están restrinxidas.

Puntos de acceso ás praias e limitacións da práctica deportiva

O plan de conservación da píllara que a Consellería de Medio Ambiente puxo en marcha no 2014 contempla unha regulación do uso das praias da Frouxeira, San Xurxo e Doniños. Na primeira, empregaranse como accesos as pasarelas e a práctica do kitesurf estará limitada durante todo o ano a un período que abrangue as tres horas anteriores e as tres posteriores á baixamar, e non poderá haber máis de cinco kitesurfistas por día. Sempre deberán entrar e saír polo canal delimitado para eles.

En San Xurxo, os accesos son as entradas existentes en ambos lados do areal. O kitesurf está permitido todo o ano, pero entre o 15 de marzo e o 15 de xullo só se poderá empregar un canal habilitado para acceder á auga.

No caso de Doniños, permítense tres accesos á praia: polos extremos norte e sur e pola pasarela. Para a práctica do kitesurf, as limitacións son as mesmas que en San Xurxo.

Lea también

Los bomberos de Ferrol dejan de prestar servicio en otros seis municipios de la comarca

El presidente de la junta de personal del Ayuntamiento de Ferrol, Javier Sandá (CSIF), ha …