Técnicos de Augas de Galicia e de Emafesa buscarán un arranxo provisional ao problema da tubaxe das Pías

O pleno da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol tratou esta mañá, entre outros asuntos, a avaría na tubaxe das Pías, que abastece de auga a Ares, Fene e Mugardos. Segundo avanzou tras a reunión o presidente da comunidade e alcalde de Ferrol, Ángel Mato, fixéronse xestións ante a Xunta para que técnicos de Augas de Galicia e de Emafesa busquen con urxencia unha solución provisional que garanta o servizo, en tanto non se acometa unha actuación que arranxe o problema de forma definitiva.

Por outra banda, o pleno acordou declarar deserto o procedemento aberto para adxudicar o servizo de xestión do Refuxio de Animais de Mougá e aprobar un novo expediente co mesmo obxecto no que se modificaron os requisitos para facilitar a concorrencia de licitadores, que será publicado nos próximos días na plataforma estatal de contratos do sector público. O tipo de licitación establécese en 200.100,00 euros anuais e as especificacións técnicas baséanse nas esixencias da Lei de benestar dos animais de compañía en Galicia e no Regulamento de funcionamento do servizo mancomunado de lacería e refuxio de Mougá.

Tamén deu conta da concesión de dúas subvencións, unha para o fomento do cooperativismo e a economía social outorgada pola Xunta de Galicia, e outra para a creación dun servizo de normalización lingüística nos concellos de Ares, Cabanas, Mugardos, Neda e Valdoviño outorgada pola Deputación da Coruña.

Finalmente, deuse conta da solicitude dunha subvención á Xunta de Galicia para levar a cabo un Programa Integrado para o Emprego, no que participan os concellos de Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño (o Concello de Ferrol solicita o seu propio programa por resultar adecuado de acordo coas bases da convocatoria, sen prexuízo da colaboración técnica entre ambos programas). O obxecto deste proxecto, cuxo orzamento ascende a 230.000,00 euros é proporcionar formación, asesoramento e mediación para a inserción laboral a 100 mulleres desempregadas. A mancomunidade leva a cabo estes programas dende o ano 2013, cun éxito significativo ao lograr en todas as convocatorias superar o 30 % de inserción laboral, pero este é o primeiro ano en que participan no mesmo programa os oito concellos nomeados.

Lea también

Desvíos de tráfico de las obras de humanización de la FE-14 Ferrol

El Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible avanza en la ejecución de las obras de …