Un total de 240 deportistas participarán no “Trishark Narón 2019” que se celebrará este sábado en Xuvia

José Oreona e Amando Guerrero na presentación | Concello de Narón

A organización do Trishark Narón 2019 pechou onte as inscricións neste evento deportivo, que se disputará o vindeiro sábado na zona do paseo marítimo de Xuvia. Participarán nesta edición do evento un total de 240 triatletas chegados da Agrupación Deportiva Náutico Narón e tamén procedentes de diferentes clubes galegos e doutras comunidades. O Concello organiza esta convocatoria, que se desenvolverá en horario de tarde, coa AD Náutico Narón.

A proba popular supersprint marcará o inicio deste evento ás 17.20 horas para, a continuación, disputarse as probas de élite feminina e masculina, con saídas programadas ás 18.30 e 18.45 horas respectivamente. Destacados triatletas de Narón e comarca participarán no evento xunto con outros nacionais e internacionais, como Ana Santiso, Sara Guerrero, Paula Herrero, Berea García, Aida García ou Natalia Castro, entre as representantes da categoría feminina. No respectivo á masculina, estarán nesta edición do “Trishark Narón” David Castro, Nico Domínguez, Iago Lorenzo, Ignacio Legazpi e Carlos Rodríguez, entre outros. No “Triskark Narón” tamén participarán por vez primeira nunha proba de élite destas características numerosos deportistas nas categorías infantil e cadete.

Cortes de tráfico

A estrada de Castela, entre a rotonda de Megasa e o cruce coa estrada de San Xiao, permanecerá totalmente pechada á circulación rodada durante o desenvolvemento das probas do Trishark Narón, polo que os vehículos desviaranse cara a Ferrol pola estrada de San Xiao e cara a Neda pola FE-11. No que respecta a este último vial, a FE-11, entre a rotonda da autovía e a de Megasa –en dirección á estrada de Castela- permanecerá tamén pechada á circulación, ao formar parte do circuíto deste evento deportivo. Estarán tamén pechadas á circulación por formar parte do circuíto as rúas Marcial Calvo, Xoán XXIII e a Praza do Concello de Xuvia. O prazo estimado dos cortes de circulación nas citadas vías será entre as 17.00 e as 20.00 horas do sábado.

As restriccións afectarán tamén a outros viais do barrio de Xuvia. Dende as rúas Río do Porto, Río Inxerto, Río Pereiro e Camiño da Revolta poderase circular pola rúa paralela á vía e incorporarse á estrada de Castela pola rúa Río Baxoi. No que respecta ás rúas Bailén, Manuel de Cal, Cáceres, Telleiras, FEVE, Garda Civil e Xoán Cangas, os vehículos non se poderán incorporar á estrada de Castela ata que remate a proba ciclista do Trishark Narón, estando estimado o corte de tráfico na estrada de Castela de 17.00 a 20.00 horas.

Por último, dende as rúas Curros Enríquez, Río Forcadas, Altea, Somozas, Irmandade e Doutor Fleming habilitarase unha saída para casos de urxencia a través das vías Irmandade, Somozas e Foro.

Lea también

El Racing infantil logra un brillante ascenso a División de Honor

El Racing infantil certificó el domingo su ascenso a División de Honor tras derrotar al Vitoria. …