Representantes do goberno naronés desprazaranse a vindeira semana á Consellería de Educación

Acompañarán ás familias afectadas polo peche da escola unitaria de Pedroso

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, presidiu na tarde deste mércores no Concello –ás 18.00 horas- unha reunión á que se convocou aos afectados e afectadas polo peche da escola unitaria de Pedroso. A falta dunha comunicación oficial directa ao Concello ou ás familias por parte da Xunta o Diario Oficial de Galicia publicaba o pasado luns a orde de modificación das unidades de centros de ensino públicos dependentes da Consellería de Educación para o vindeiro curso, entre os que non figuraba a escola de Pedroso.

Ante esta situación convocouse a xuntanza deste mércores, á que tamén asistiron a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, os portavoces de TEGA, Román Romero, do PSOE, David Pita, e do PP, Germán Castrillón, e o concelleiro do BNG Eugenio Carballeira. Na xuntanza os representantes do goberno local comprometéronse a desprazarse o vindeiro martes, día 6, á Consellería de Educación cos pais e nais afectados polo peche do centro, unha iniciativa á que tamén se convidou a sumarse aos representantes do PP e BNG local. O obxectivo desta visita é recibir unha explicación, por parte de Pomar, sobre a decisión da Xunta de non reabrir a unitaria de Pedroso o vindeiro curso, tal e como se comprometera.

No transcurso da xuntanza a alcaldesa comunicou ás familias afectadas que acudiron –cinco das seis que solicitaron praza para o vindeiro curso no citado centro de ensino- as medidas que se adoptaron dende o Concello dende o inicio desta problemática. Entre as máis recentes, o pasado mes de febreiro presentábase unha pregunta parlamentaria para interesarse sobre as intencións de futuro da Consellería de Educación sobre a escola de Pedroso, un trámite aínda sen resposta ao ausentarse a titular deste departamento autonómico, Carmen Pomar, do pleno do pasado mes de xullo, no que se ía formular esa pregunta, tras alegar “motivos de axenda”. Ante a falta de resposta da Xunta para concretar unha entrevista da alcaldesa con Pomar –solicitude que se reiterou en varias ocasións no último ano- a rexedora local dirixiuse a Valedora do Pobo, Milagros Otero, que recentemente dimitiu do seu cargo. Ante esta dimisión de Otero, Ferreiro contactou de novo co citado organismo –esta semana en varias ocasións, a última hoxe mesmo- para urxir unha resposta ante esta situación.

Un total de seis familias solicitaron praza na escola infantil de Pedroso para os seus fillos e fillas no curso 2019-2020, cumprindo deste xeito o requisito esixido pola Xunta para mantelos abertos. A pesares de contar co mínimo de alumnado a Consellería de Educación desatendeu tamén o compromiso adquirido no seu día polo xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, que lles asegurou ás familias tralo peche do centro no curso 2018-2019 que se rexistraban o mínimo de matrículas a escola de Pedroso reabriría de novo as súas portas este curso, algo que finalmente non acontecerá.

Lea también

O Goberno de Narón chega a un acordo para manter o servizo de madrugadores

O goberno local e as Anpas de Narón chegaron a un acordo para manter temporalmente …