Os automóbiles clásicos do Rallye Teresa Herrera estarán o sábado 17 en Ferrol

Fot. arch.

Os automóbiles clásicos serán unha das atraccións da próxima fin de semana en Ferrol. A 29.ª edición do Rallye Teresa Herrera fará parada este ano na cidade durante todo un día, no que os participantes poderán visitar o barrio da Magdalena, o Arsenal e o Castelo de San Felipe, ademais de facer un pequeno cruceiro pola ría. Mentres, os coches históricos quedarán expostos na Cortina. A chegada do rali está prevista para as once da mañá, e non partirá de volta cara A Coruña ata as oito da tarde.

O Concello e a Sociedade Mixta de Turismo están entre os patrocinadores do evento, que este ano dedica integramente a Ferrol unha das súas tres xornadas. A iniciativa da asociación Coruña Veteran Car ofrece aos afeccionados a posibilidade de ver de cerca modelos de practicamente todas as décadas do século pasado, polo que o seu paso polas rúas da cidade ata a zona de Curuxeiras ofrecerá un espectáculo único.

O programa é o seguinte:

10.00. Saída da Coruña cara a Ferrol
11.00. Chegada á Cortina e recepción. Os vehículos quedan en exposición.
11.15. Visita guiada ao barrio da Magdalena, centrada nos edificios modernistas.
12.00. Visita guiada ao Arsenal e ao Museo da Construción Naval.
14.30. Comida dos participantes no Parador Nacional.
16.30. Cruceiro pola ría ata o castelo de San Felipe.
18.00. Visita teatralizada ao castelo de San Felipe.
19.30. Regreso ao porto.
20.00. Saída para A Coruña.

Lea también

Cinco metais para as universidades galegas no seu estatal

Esta fin de semana desprazáronse ata Badaxoz un total de 23 atletas universitarios galegos para …