Á venda os tickets para a “IX Festa gastronómica do Porco ao espeto” que se celebrará o sábado en Pedroso

O Concello de Narón e a Sociedade Cultural e Recreativa “A Pombiña”, de Pedroso, organizan a novena edición da festa gastronómica do Porco ao espeto. A cita será o vindeiro 17 de agosto baixo unha carpa que se instalará na pista polideportiva de Pedroso e dará comezo ás 22.00 horas, tal e como anunciou a concelleira de Festas, Natalia Hermida, que presentou o evento xunto con Flor Felgar e Eduardo Muñoz, presidenta e secretario, respectivamente da Sociedade Cultural e Recreativa “A Pombiña” de Pedroso.

Os comensais poderán cear porco ao espeto ou churrasco, acompañado por pan e patacas, bebidas, café e queimada, por un prezo de 18 euros para os socios de “A Pombiña”; 20 euros para as persoas que non son socias e 9 euros para nenos e nenas de entre 8 e 12 anos e os menores desa idade poderán asistir de balde. Os tickets poden adquirirse no local social da Pombiña ata esgotar os existentes, ao tratarse de aforo limitado.

Ás 8.00 horas comezarán a cocinarse en Pedroso dous porcos ao espeto, duns oitenta quilos cada un, para que estean listos á hora da cea e o churrasco farase pola tarde.

A xornada estará amenizada con música en directo, a cargo de Raúl Armada e dende a organización convidaron á veciñanza de Narón e doutros concellos a acudir a esta cita gastronómica e festiva, xa consolidada na parroquia de Pedroso.

A concelleira de Festas, Natalia Hermida, agradeceu dende o concello “a labor das veciñas e veciños que participan na elaboración e organización deste evento gastronómico”.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …