Á venda para o público xeral as entradas dos espectáculos do último cuadrimestre do ano no Pazo da Cultura de Narór

O Padroado da Cultura puxo á venda para o público xeral as entradas para os espectáculos que se desenvolverán no Pazo da Culhoxetura os vindeiros catro meses. As persoas interesadas en adquirir as entradas poden facelo a través da web do Padroado: www.padroadodecultura.es ou da billeteira do Pazo –no verán de 9.00 a 14.00 horas e o resto do ano, de luns a sábados de 9.30 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 e domingos e festivos unha hora antes do comezo do espectáculo-. Entre os meses de setembro e decembro sucederanse no Pazo espectáculos teatrais, musicais e de maxia, entre outros e, a maiores, estase traballando na incorporación dalgunha outra proposta, tal e como avanzou o alcalde accidental e concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo.

A programación cultural no Pazo retomarase o vindeiro 13 de setembro, ás 20.30 horas, coa representación da comedia Unha noite na praia, cos cómicos galegos Xosé Antonio Touriñán e Carlos Blanco. A comedia representarase tamén o sábado 14 e o domingo 15 de setembro, ás 20.00 e 19.00 horas, respectivamente, se ben tan só quedan dispoñibles as últimas entradas para o terceiro dos pases, o do domingo.

Tamén o vindeiro mes de setembro terá lugar o recital poético De abrentes e ocasos, de Teatro do Atlántico, o venres 20 ás 20.30 horas no Café Teatro do Pazo e unha representación de teatro clásico, Viejo amigo Cicerón, de Teatre Romea e o Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida, o día 28 ás 20.00 horas.

O mes de outubro abrirá a programación cun espectáculo de mentalismo e maxia, Toni Bright, Volver a creer, Magia de la mente, de Tertulia Producción, o día 5 ás 20.00 horas e seguirá o día 11 ás 20.30 cunha presentación teatralizada de canto e música, No camiño, de Setestrelo. Así mesmo, actuará o cantante Jorge Drexler, o día 12 ás 20.00; representarase a obra de teatro clásico Luces de bohemia, de Teatro Clásico de Sevilla, o día 19 ás 20.00 e pecharán as propostas dese mes os Hermanos inconfundibles, cunha sesión de circo, música e humor: La banda de otro-Yee-Haw, o día 20 ás 18.00 horas e a representación de Curva España, de Chévere, o 26 ás 20.00 horas.

A ópera Pagliacci, de Leonor Gago Artist Management iniciará a programación do Pazo o 2 de novembro ás 20.00 horas, que continuará o día 9 con danza, Tejidos al tiempo, de Choní Compañía Flamenca, a partir das 20.00. A compañía Sarabela Teatro estará tamén en Narón en novembro, representando o drama Crónicas do paraíso, o día 16 ás 20.00 e a continuación haberá dous concertos de música folk, o primeiro de folk rock americano, con country, funky e pop o día 23 ás 20.00, con Carlos Mosquera, Mos, que presentará o seu novo disco, Contracorriente, e o segundo de folk tradicional a cargo de Anxo Lorenzo Banda, que presentará Vórtex o día 30 ás 20.00 horas.

No mes de decembro poderase ver a ópera O loro de Carlos V, da Ópera infantil e a Orquestra Sinfónica de Galicia, o día 7 ás 20.00 horas; o espectáculo de danza Noró, con Xabier Díaz e As Adufeiras de Salitre, o día 21 ás 20.00 e, finalmente, o concerto de música góspel When gospel was gospel, de The Mississippi Mass Choir, o día 22 ás 19.00 horas

Lea también

Herido el conductor de un vehículo que se salió de la vía en la AG-64 en el término de Narón

Sobre las siete de la mañana de este miércoles,se registró un accidente de tráfico en …