Aberto o prazo de inscrición para participar na carreira infantil Corre x Santa que se celebrará en Santa Icía

Begoña Valón, José Oreona e Amando Guerrero na presentación de Corre x Santa | Concello de Narón

O Concello de Narón colabora coa Agrupación Deportiva Náutico de Narón e a comisión de festas de Santa Icía na organización da carreira para nenos e nenas Corre x Santa, que terá lugar o vindeiro 31 de agosto na zona do campo da festa de Santa Icía. O concelleiro de Deportes, José Oreona, o presidente da AD Náutico de Narón, Amando Guerrero, e Begoña Velón, da comisión de festas de Santa Icía, presentaron esta mañá o evento, para o que está aberto o prazo de inscrición (de balde). Os trámites para anotarse poden realizarse a través das webs: www.ranckr.com ou www.nauticonaron.com ata o vindeiro 30 de agosto ás 23.59 horas, tal e como explicou o concelleiro de Deportes naronés.

A carreira disputarase a partir das 18.30 horas en catro categorías: unha para menores nados en 2005-2006 ou 2007; de 1.200 metros de distancia e que sairá ás 19.00 horas; outra para os de 2008-2009 e 2010, de 800 metros e con saída aproximada ás 18.50 horas; a dirixida aos nados en 2011-2012 e 2013, duns 300 metros e con saída ás 18.40 e, por último, para nados a partir de 2014, de 150 metros e que sairán ao comezo, ás 18.30 horas. Os dorsais entregaranse media hora antes do inicio da carreira na zona de meta.

Todos os participantes recibirán un agasallo conmemorativo pola súa participación.

O presidente da AD Náutico de Narón agradeceu á comisión de festas de Santa Icía o feito de que se brindase a coorganizar esta iniciativa e destacou que “os barrios e parroquias son o principal motor do deporte e é moi importante e de agradecer que o Concello de Narón estea sempre detrás de iniciativas deste tipo, respaldándoas”. Así mesmo, tamén valorou Begoña Velón a implicación do Náutico de Narón e do Concello por colaborar, destacando a importancia de “fomentar a práctica do deporte entre os nenos e nenas.

Pola súa banda, Oreona felicitou á comisión de festas de Santa Icía, por esta iniciativa deportiva, que hai varios anos se celebraba xa nesta parroquia da cidade, e tamén á Agrupación Deportiva Náutico de Narón pola súa participación. O concelleiro animou ás veciñas e veciños a inscribirse na carreira Corre x Santa, e anunciou a intención do goberno local de impulsar este tipo de iniciativas noutros barrios e parroquias da cidade.

Lea también

O Esteo vuelve a visitar tierras asturianas para jugar con el Boal

Segunda visita de la temporada a tierras asturianas para un O Esteo que en esta …