O Concello de Narón destina 100.000 euros a intervencións de mellora de instalacións de colexios

 

Colexio do Val

O Concello de Narón destina unha partida de 100.656 euros a investimentos en actuacións programadas en catro centros de ensino da cidade. Así o asegurou o alcalde accidental, Guillermo Sánchez Fojo, que indicou que, ao igual que en anos anteriores, coincidindo coa tempada estival, “aproveitamos o final do período lectivo para realizar traballos no interior e exterior dos colexios e rematalos antes de que comece o novo curso escolar”. Este ano as obras programáronse, tal e como indicou Sánchez Fojo, no CEIP Piñeiros, na Escola do Val (do CRA de Narón), na Escola Infantil Municipal da Gándara e no CEIP Virxe do Mar.

É un investimento importante este que realizamos cada ano dende o Concello para atender as prioridades, en materia de melloras, dos colexios públicos da cidade”, recalcou o alcalde accidental, lamentando ao mesmo tempo o feito de que “a Xunta de Galicia non cumpra coas súas obrigas nesta materia e teñamos que ser os concellos, en moitas ocasións, os que asumamos uns gastos que deberían recaer na propia administración autonómica, que ten coñecemento das necesidades de cada un dos centros”.

No caso de Narón, apuntou o alcalde accidental, este ano procedeuse ao pintado exterior do colexio de Piñeiros, con cargo a unha partida de 29.105 euros e da escola do Val, por un importe neste último caso, de 11.724 euros. Así mesmo, na Escola Infantil Municipal da Gándara instalouse pavimento continuo de caucho no patio interior, por un importe de 9.719 euros, e estanse acometendo varios traballos no CEIP Virxe do Mar, donde se rehabilitaron os baños cun investimento de 37.000 euros, continuarase coa reposición de ventás –substituíndo as orixinarias de madeira, xa deterioradas- con cargo a unha partida de 10.000 euros, e tamén se destinaron 3.108 euros a remodelacións para acondicionar un espazo como biblioteca deste colexio.

Proxectamos estas obras porque dende o equipo de goberno consideramos que é urxente atender unha serie de necesidades dos centros educativos, ante a desidia da Consellería de Educación por atender as súas obrigas e lamentando non poder acometer no mesmo momento con cargo a fondos municipais todas as que se detectaron, polo que estamos obrigados a priorizar a execución das mesmas”, recalcou Sánchez Fojo.

Lea también

Concello de Narón e AGA Ferrolterra organizan charlas sobre a avespa asiática

A delegación en Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura (AGA) e o Concello de Narón …