O lago de As Pontes escenario para a práctica de novas disciplinas deportivas

(Foto: Cedida).

O lago das Pontes será, o sábado, 31 de agosto, escenario para a práctica de dúas disciplinas deportivas en auxe; o crossfit e o Sup Paddel.

A concellería de Deportes, en colaboración co club local Folixa e o grupo CrossFit DRK, organizou unha sesión de crossfit co obxectivo de achegar á poboación das Pontes a unha disciplina deportiva de vangarda que, a través de diferentes tipos de exercicios, adaptados a cada tipo de usuario e nunha única sesión, permite traballar diferentes grupos musculares e achegar múltiples beneficios para a saúde.

A sesión comezará ás 16:00 horas con tres adestramentos de proba, de balde, dirixidos a nen@s, adult@s e veteran@s, respectivamente, que darán paso, a partir das 19:00 horas, a unha exhibición dos atletas do equipo CrossFit DRK na que os veciños e veciñas poderán gozar da espectacularidade desta disciplina deportiva.

De forma paralela, a partir das 16:00 horas, as augas da praia do lago acollerán a Lake Sup Race, unha competición de padel surf para as categorías elite e popular, unha disciplina deportiva na que se utiliza un remo para moverse pola auga, de pé, sobre unha gran táboa de surf.

Ademais, desde as 17:00 horas ata as 19:00 horas, a veciñanza das Pontes e visitantes poderán gozar, da man do club pontés Folixa, de clases de SUP, de balde, e participar nun curso de esquimotaxe, unha técnica indispensable para a práctica de todas as modalidades de piragüismo de augas bravas, o kaiak-polo, kaiak de mar e o kaiak-surf que permite recuperar a posición da piragua despois de envorcar sen saír da embarcación.

A xornada deportiva finalizará ás 20:00 horas, coa entrega de premios aos participantes na proba e unha actuación musical a cargo do grupo I&I.

Desde o Concello das Pontes, o concelleiro de Deportes, Chicho Tembrás convida aos veciños e veciñas das Pontes e de toda a comarca a “achegarse ata o lago para coñecer de preto e en primeira persoa dúas disciplinas deportivas, con innumerables beneficios, que cada día gañan máis seguidores, e que contribúen de forma activa a mellorar a calidade de vida, a saúde e o benestar de quen as practica.”

Lea también

Reserva de entradas para el partido del Racing Club Ferrol frente al CD Tenerife

El Racing Club Ferrol gestionará la reserva de las entradas que el CD Tenerife le ha …