A saída dos mómaros en Pontedeume coa que botan a andar as Festas das Peras.

José Fonte Sardiña

Despois da axitación que vive Pontedeume nos meses de verán, a vila, rematado agosto, entra nuns días de certa calma e preguiza nos que recupera o seu ritmo habitual para preparar a traca final do tempo estival, as Festas das Peras, nas que os eumeses honramos á nosa patroa a Virxe das Virtudes e ao noso copatrón san Nicolás de Tolentino, e visitamos ao Pai Eume na xira ao río do día once de setembro, e que terá o seu último estalo coa subida a Breamo o vinte e nove na festa de San Miguel.

Aínda que de xeito oficial as Festas de Setembro comezaban antigamente o día oito e o sete era unha simple xornada de vésperas, a saída dos mómaros foi gañando importancia ata converterse nun dos actos principais das festas, para min o máis entrañable. Hai dous momentos, indisolublemente ligados á música, que os eumeses levamos sempre no corazón e que temos presentes mesmo cando non podemos estar na vila para gozalos: a melodía do Paso polas nosas empedradas rúas na madrugada do Venres Santo e a saída dos mómaros ao son do Ñoñoroñó o sete de setembro ás doce do mediodía na praza Real.


Eu non o lembro, talvez porque, vítima da preguiza, aínda non acordara a aquelas horas da mañá, pero xa se encarga de facelo Ramiro Fonte por min en “As pontes no ceo” cando conta que, ben cedo, coas primeiras bombas que Couto disparaba, comezaba “a melódica troulada das gaitas, o bombo e o tambor. O cuarteto Os Nenos do Eume, así marca a tradición, interpreta as dianas e alboradas conforme ó programa das festas. Nin falta faría mencionalo: Eduardo acompáñaos interpretando, coa voz dos inocentes, o Ñoñoroñó. Sen fallar unha nota. O son das gaitas atemoriza as roladas de andoriñas”. Eu esperto entusiasmado co balbordo cando os gaiteiros e moitos nenos pasan algareiros pola miña rúa de San Agustín, pero non chego a tempo de velos. Almorzo uns amendoados e bola de nata e vístome axiña pois o meu pai non espera por ninguén. Ás doce menos cuarto, a moito tardar, hai que estar na praza Real.

Sendo eu un neno, un pouco antes das doce, o Pies e Urano, axudados por Eduardo, sacaban con moito coidadiño dos baixos do Concello a mómara, a verdadeira protagonista, despois da nosa patroa a Virxe das Virtudes, das Festas das Peras. Os seus xenerosos peitos sobre os que ía espetada a hortensia máis fermosa do xardín, collida con mimo pola mañanciña daquel día, eran o seu principal sinal de identidade, xunto co doce sorriso da súa cara. Aínda que a súa figura cambiou xa cando eu levaba aos meus entusiasmados fillos, contaxiados polo fervor do seu pai, a velos, así segue a ser tamén a mómara de hoxe, algo diferente pero esencialmente igual.

Logo repetirían a escena co mómaro, aquel mouro de bigote branco con cara de retranqueiro, como bo eumés. Hoxe, o soldado romano coa espada dos conquistadores que nos deixaron o xermolo do que, co paso do tempo e o amor das nosas xentes, se converteu na lingua galega, conserva o mesmo sorriso irónico, que non rebaixa a maxestade e solemnidade do seu rostro.

Cando os mómaros xa estaban na praza, o boureo e a emoción rebordaban nas nosas almas de eumeses. Algúns dos máis pequenos choraban ao velos e eran consolalos polos seus seres queridos para quitarlles o medo, que perderán en pouquiños anos, cando o seu soño será ter a honra de seren cabezudos, nin máis nin menos que os fillos, aínda que só por unhas horas, dos auténticos amos das festas.

Entre o balbordo xeral, o reloxo municipal da torre do Concello, situado enriba do mítico Cagarrón, comezaba a dar as primeiras badaladas que nos indicaban que xa eran as doce da mañá, o noso Ñoñoroñó arrincaba a soar e Eduardo, mesmo antes que a propia mómara, empezaba a danzar imitando aos

O Pies

xigantes protagonistas das festas patronais. Ben sabía o noso neno que, como di Ramiro Fonte en “Os meus ollos”, “para bailar os mómaros ó estilo eumés non se necesitan homes especialmente corpulentos. Hai que bailalos coa punta do pé, que diría o cantar. E, sobre todo, hai que darlles un xeito aos ombros e á cadeira, para así traspasarlles o ritmo do corpo humano ás ríxidas estruturas”. Abofé que esta é unha información dirixida aos que veñen de fóra; ninguén nola ten que explicar aos eumeses, porque é unha lección que xa aprendemos desde ben pequeniños. Talvez foi o Pies o home ao que eu vin bailar mellor a mómara, co permiso de Fornos e Jesús.

Nas miñas lembranzas de neno, coas primeiras notas do Ñoñoroñó, os cabezudos máis mexericas corren pola rúa Real arriba escapando dos seus xigantes e temporais pais de adopción e os máis intrépidos varean aos que tentan achegarse máis da conta aos mómaros. Evidentemente, eran outros tempos e eu mesmo recordo con tenrura que sentín a calor daquelas varas de vimbio ou canas nas miñas pernas por querer estar pretiño deles.

Eduardo

Sempre que imaxino a saída dos mómaros, creo ver a Eduardo, ás doce da mañá, na praza Real do Ceo eumés, fumando un puro co meu pai e comezando a bailar coa primeira nota dos gaiteiros, mesmo antes de que Jesús se poña a danzar coa mómara. Haiche cousas que nunca cambian.

 

Lea también

Sete anos da presentación de “Los disfraces de la traición”, de Olga Rico

José Fonte Sardiña O día 10 de marzo de 2017, presentabamos na Casa da Cultura …