Ferrol acolle desde mañá ata o venres a 40.ª edición das Xornadas de Automática

Araceli Torres, María Teresa Deus e José Luis Calvo na presentación | Concello de Ferrol

A Politécnica de Serantes e o campus universitario de Esteiro acollerán a partir de mañá a 40.ª edición das Xornadas de Automática, un “encontro de referencia” no seu ámbito, segundo manifestou a concelleira de Economía, María Teresa Deus, na presentación deste congreso hoxe no pazo municipal. Xunto a ela estiveron presentes a vicerrectora da UDC Araceli Torres, e o profesor José Luis Calvo, que forma parte da organización.

Deus indicou que a automática, entre outros aspectos de importancia, “vai influír moito no eido do emprego” nos próximos anos e que vai transformar o mercado laboral, polo que as xornadas son do máximo interese. A edil mostrou o seu recoñecemento aotraballo que se está a desenvolver no campus de Ferrol, “porque se está a converter nun referente como campus industrial e da tecnoloxía”, como demostra a concesión deste congreso.

O profesor Calvo deulle as grazas ao Comité Español de Automática, promotor das xornadas, por concederlle ao campus ferrolán “a responsabilidade, o honor e o privilexio” de organizalas. Explicou tamén que durante os tres días haberá nove grupos temáticos que abordarán, entre outros aspectos, o control intelixente, a robótica ou a automatización. A maiores, haberá dúas mesas redondas, sobre industria 4.0 e machine learning. Para Calvo, “o éxito está asegurado”.

Dentro do programa científico, destacou a conferencia que ofrecerá Ángel Carracedo, “quizais o investigador máis representativo de Galicia”, que intervirá ás 17.00 horas, xusto a continuación da sesión inaugural, na que participará o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo; o alcalde, Ángel Mato, o reitor da UDC, Julio Abalde; o responsable da Deputación da Coruña, Bernardo Fernández; o presidente do CEA, Carlos Balaguer e o secretario técnico das XL Xornadas de Automática, José Luis Calvo, e que comezará media hora antes. Ambas serán no salón de actos da Politécnica e estarán abertos ao público.

En canto ao programa social, Calvo enumerou diferentes visitas que os arredor de 250 participantes farán a lugares como Exponav, o cuartel de Dolores, o castelo de San Felipe ou o pazo de Mariñán. Ademais, ofreceráselles un cóctel de benvida no hotel Carrís e unha cena de gala no Parador, e terán a oportunidade de facer un percorrido en barco pola ría. Do que se trata, asegurou, e de “favorecer tanto á cidade como ao seuentorno en todo o que sexa posible”. Por iso, agradeceulle ao Concello “a enorme axuda que prestou” á organización.

A vicerrectora expresou a “satisfacción” que supón para a Universidade que o campus acolla este congreso e lembrou que constitúe “unha proxección» moi grande para a cidade. “Que os comités nacionais confíen en Ferrol para desenrolar estes eventos indica a potencialidade destes estudos na cidade”, dixo antes de mostrar tamén o seu agradecemento á concelleira María Teresa Deus “polo seu apoio”.

Lea también

La Cátedra Jorge Juan, promovida por la UDC y la Armada, conmemora su 30 aniversario en el Campus de Ferrol

El rector de la Universidad de A Coruña, Ricardo Cao Abad, preside, junto con el almirante …