Á venda as entradas para o concerto do cantautor Luis Pastor que terá lugar en outubro no Pazo da Cultura de Narón

O cantautor extremeño Luis Pastor subirase o vindeiro 25 de outubro ao escenario do Pazo da Cultura de Narón para interpretar temas do seu traballo “Canciones y memorias”. A cita será a partir das 20.30 horas e terá unha duración aproximada de hora e media. As entradas para o público xeral están xa á venda, podendo adquirirse a un prezo de 10 euros para o público xeral e 7 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos) a través da billeteira do Pazo ou da web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es .

No seu espectáculo Pastor ofrecerá ao público a súa música, caracterizada polo seu ton reivindicativo e no que sempre están moi presentes a poesía e o humor. O cantautor repasará temas populares da súa traxectoria, na que fixo especial fincapé na situación que nas diferentes épocas atravesou o mundo da cultura. As súas cancións foron vetadas pola censura franquista, tal e como el mesmo denunciou, e recentemente o Concello de Madrid cancelou un concerto programado de Luis Pastor e o seu fillo Pedro en Aravaca, o que xerou unha gran polémica.

O vindeiro mes Luis Pastor estará no Pazo reivindicando a liberdade de creación e tamén de expresión a través da súa música, que obtivo numerosos recoñecementos.
Luis Pastor comezou cantando moi novo na igrexa do seu barrio, en centros xuvenís, casas particulares e reunións de amigos, con temas que eran parte da protesta colectiva da España da súa xeración. Dende o ano 1972 publicou numerosos discos que recibiron varios premios e chegou a retirarse un tempo da música para orientar a súa traxectoria cara ao teatro, compoñendo temas para varias montaxes. No ano 2003 recibiu a Medalla de Extremadura, en 2017 a Sociedade de Artistas concedeulle un galardón por toda unha vida adicada á música e recoñecendo o mérito da súa traxectoria profesional e humana no mundo da cultura e este mesmo ano recibiu o premio Julián Besteiro das Artes e as Letras.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …