Aberto o prazo de inscrición no XII Torneo de xadrez Odeón-Cidade de Narón que se xogará en outubro

Juan Francisco Rodríguez, José Oreona, Juan Manuel Caneiro e Cristina Imaz na presentación | Concello de Narón

O Concello de Narón colabora co Círculo Xadrez Narón e co Centro Comercial Odeón no “XII Torneo de xadrez Odeón-Cidade de Narón” que se levará a cabo os días 11 e 12 de outubro no Centro Comercial Odeón. O edil de Deportes, José Oreona, a xerente do Centro Comercial Odeón, Cristina Imaz, e Juan Manuel Caneiro e Juan Francisco Rodríguez, presidente e vocal, respectivamente, do Círculo Xadrez Narón, presentaron esta mañá o evento no Concello. O prazo de inscrición –de balde- está xa aberto –se ben tamén será posible anotarse os días do torneo en Odeón- podendo facelo a través do mail: xadreznaron@hotmail.com e dos teléfonos 658 170 577 e 666 391 163.

O venres día 11 terá lugar o torneo Xadrez 960/Fisher Random (sete roldas), unha das novidades deste ano, tal e como indicou o presidente do club naronés. “Neste torneo sortéase a posición das pezas da primeira fila, pero as regras son as mesmas que nos outros torneos”, indicou. As inscricións en Odeón poden facerse a partir das 19.00 horas e o torneo dará comezo ás 19.15. Na xornada do domingo será o torneo Xadrez Lóstrego, con oito roldas e con peche da inscrición ás 12.00 horas para dar comezo ás 12.15 pola mañá (catro roldas) e ás 16.30 pola tarde (outras catro roldas). Haberá premios para as categorías Promesas, Benxamíns, Alevíns, Infantís e Absoluto.

Juan Manuel Caneiro e Juan Francisco Rodríguez agradeceron a colaboración tanto do Concello como de Odeón, na súa aposta por este deporte, por fomentalo e darlle visibilidade. Pola súa banda, a xerente de Odeón recordou que “levamos doce anos apoiando este torneo e continuaremos apoiándoo, ao igual que facemos con outras actividades deportivas, culturais e musicais de entidades de Narón”. Imaz destacou a importancia de que os nenos e nenas coñezan e practiquen este deporte.

O concelleiro de Deportes, José Oreona, tamén confirmou a colaboración do Concello a este tipo de actividades. “Non é un deporte maioritario pero é igualmente importante dalo a coñecer”, asegurou o edil, agradecendo “o traballo que realiza o Círculo Xadrez Narón durante todo o ano e tamén o respaldo de Odeón e a súa colaboración e implicación co deporte de Narón”.

Finalmente, Oreona animou á cidadanía a participar neste torneo ou acudir a ver aos xogadores e xogadoras.

Lea también

Cambio nas saídas previstas na «I Travesía de caiac de mar Concello de Narón»

Ante a previsión de condicións adversas, por vento, na xornada do domingo día 21 informan desde …