O concelleiro de Tráfico tratou na Fegamp o problema do estacionamento de autocaravanas nas praias de Ferrol

Germán Costoya en rolda de prensa | Adán Puentes

O concelleiro de Seguridade e Tráfico, Germán Costoya, asistiu hoxe á reunión que a Fegamp convocou na súa sede, en Santiago, para tratar os problemas de aparcamento xerados en diferentes espazos de toda Galicia durante o verán a causa da chegada de caravanas, autocaravanas e campers.

Durante o encontro, desde a federación tomouse nota da problemática á que se enfronta cada concello por mor da falta de ordenanzas específicas que regulen este tipo de estacionamentos. Asistiron a el representantes de municipios de toda Galicia, tanto de interior como de costa.

Costoya manifestou a preocupación do Concello de Ferrol porque a proliferación destes vehículos nas zonas de praia “incide directamente na dificultade de utilizar estes areais por parte de veciños e visitantes cos seus vehículos particulares”. Dixo tamén que é un asunto que debe implicar ás distintas administracións involucradas, tanto a local, como a autonómica ou a estatal, xa que en moitas ocasións afecta a áreas costeiras ou que forman parte de espazos naturais protexidos. Por iso, lembrou, a Fegamp está mantendo reunións con todas elas.

Borrador para que os concellos fagan aportacións

Cos datos que recolleu a Federación Galega de Municipios e Provincias, redactarase borrador para facerllo chegar aos concellos, que farán as súas aportacións, e así poderase elaborar unha ordenanza tipo que dea solución a este problema. O concelleiro mostrouse convencido de que así será e indicou que por parte de todos os actores implicados “estase traballando a fondo” para lograr, “coa máxima urxencia”, unha solución “axeitada para todos os usuarios das praias de Ferrol”.

Lea también

O BNG de Ferrol demanda no pleno, melloras nos comedores escolares

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol presentou, acompañados de familias do ceip Cruceiro de Canido, …