Eva Martínez presenta a Xornada de Inclusión Social con motivo do Día das Persoas sen Teito

O Concello de Ferrol, a través da concellería de Benestar Social que dirixe Eva Martínez Montero, acaba de presentar esta mañá a “Xornada de Inclusión Social” que terá lugar o próximo 29 de outubro con motivo do Día das Persoas sen Teito que se conmemora o último domingo deste mes. A concelleira estivo acompañada por Antonio Tostado, director da Cociña Económica, e Marta Pazo, coordinadora de Cáritas Mondoñedo-Ferrol. Ambos quixeron agradecer ao Concello a súa iniciativa.

A edila explicou que con dita celebración se pretende “visibilizar” a situación destas persoas e “loitar contra a discriminación e o estigma que con demasiada frecuencia sofren”. Para a organización da xornada, dirixida tanto a profesionais como a público en xeral, creouse o Grupo de Traballo Sen Teito, que agrupa ás entidades que traballan con este colectivo: Cáritas, Cociña Económica, Dignidad, Albergue, a área de Psiquiatría no Hospital Naval, Cruz Vermella e a concellería de Servizos Sociais do Concello de Ferrol. O obxectivo das xornadas é dobre: sensibilizar á cidadanía e formar aos profesionais.

Eva Martínez quixo agradecer ás entidades colaboradoras o seu traballo e dixo que “sen elas a xestión da administración local neste asunto sería moi difícil”, e lembrou que en Ferrol hai unhas 80 persoas sen teito.

A xornada terá lugar no salón de actos do Edificio Social do Concello de Ferrol (Rúa Sánchez Barcáiztegui, 35-37). Ás 9 horas será a inauguración e a continuación dará comezo a conferencia “Plan de atención ás persoas sen fogar de Galicia”, a cargo de Ledicia Suárez, técnica da Consellería de Política Social da Dirección Xeral de Inclusión Social. Ao terminar, Joseba Gaya Mandaluniz, educador social e responsable da área Persoas Sen Fogar de Cáritas Bizkaia ofrecerá a conferencia “Traballando polos dereitos das persoas sen fogar. Tendencias de intervención: Beste Bi como ferramenta para a loita contra o senfogarismo”. Tras un debate coloquio e unha visita ao Centro de Día de Inclusión Social de Cáritas, ás 12.30 horas terá lugar a conferencia “Combatemos as mentiras e os prexuízos xunto ás persoas sen fogar: #ContrAporofobia”, a cargo de Xosé Cuns, director da Rede Galega Contra a Pobreza (EAPN). Os interesados en obter un diploma de asistencia deben formalizar a súa inscrición a partir do 21 de outubro na páxina web do Concello de Ferrol.

Compromiso de colaboración

Antonio Tostado, que lembrou que se trata dun problema “ben complexo”, aplaudiu o traballo do Concello e agradeceulle o novo impulso no “compromiso de colaboración”. Marta Pazo, pola súa banda, comentou a importancia de “visibilizar” as persoas sen fogar e lembrou o dato que a semana pasada arroxou da man de Cáritas a Fundación Foessa no seu informe sobre Exclusión e Desarrollo Social en Galicia: cinco de cada cen persoas na comunidade autónoma viven en exclusión severa. O que significa, explicou, que ten unha vivenda insegura ou insalubre, que ten un desemprego persistente ou que está nunha precariedade laboral cronificada. O dato, dixo, “fai máis necesario poñer cara a estas persoas e sensibilizar á sociedade”, e agradeceu a labor de colaboración do Concello de Ferrol neste asunto.

Lea también

Reunión entre el alcalde de Ferrol y las entidades vecinales afectadas por las obras de As Pías

El alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, participó este viernes en la reunión convocada …