O programa Apego arrinca o próximo martes cun espectáculo musical para nenos na capela do Torrente Ballester

O Concello de Ferrol xa ten preparadas as actividades de balde que ofrecerá este outono a capela do centro cultural Torrente Ballester (rúa Concepción Arenal s/n) no marco do programa Apego, de Normalización Lingüística, dirixido a fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial como chave para o futuro de calquera lingua. Durante os meses de outubro e novembro as actuacións terán lugar os martes ás 18.30 horas e xa en decembro se celebrarán os domingos ás 12 horas. As actividades recollidas neste programa súmanse á nutrida oferta, tamén para nenos, do festival infantil Festea, recentemente presentada polo concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, e que comeza mañá sábado con dúas actuacións.

Apego arrinca o próximo 22 de outubro con Camiños, da compañía Magin Blanco, para familias e nenos ata 6 anos. É un espectáculo musical onde conflúen música, teatro, poesía e contos para estimular e enriquecer a imaxinación dos rapaces cun repertorio moi bailable.

O día 29 de outubro o Torrente acollerá o contacontos para nenos de 3 a 8 anos Contos para un mundo mellor, con Gloria Mosquera e Diego Maceiras no acordeón. Tratarán temas como o medo, o coidado da natureza, o saber dicir non facendo reflexionar sobre a importancia da empatía, prudencia, da superación persoal, da cooperación e da responsabilidade como necesarios mecanismos de paz e felicidade.

Xa en novembro, o martes 5 celebrase no Antigo Hospicio o obradoiro Disciplina Positiva como modelo educativo para entender o comportamento dos nenos e a forma de abordar a súa actitude de forma positiva, afectiva, firme e respectuosa. María Paredes ofrecerá ferramentas desde a lingua galega para a crianza. Neste caso é necesaria a inscrición previa en gnl@ ferrol.es.

O día 12 de novembro no Torrente celébrase para nenos de 3 a 8 nenos a cargo da compañía Xarope Tulú O Cardume, un espectáculo que combina a narración oral coa música en vivo. Unha narradora e un músico achégannos historias onde os personaxes levan a diversidade como bandeira e a través dos obxectos e melodías iremos descubrindo un mundo onde todas sumamos.

O martes 19 de novembro o Torrente Ballester acollerá para familias e nenos de ata 4 anos Danzacontos, historias en movemento, un obradoiro a cargo de Laura Martínez Rei para conectar coas crianzas a través da linguaxe corporal, os aloumiños, a respiración, a música e o ritmo. Neste caso é necesaria a inscrición previa en gnl@ ferrol.es.

No mes de decembro, o día 1 ás 12 horas celébrase para familias e nenos ata 8 anos O lobo e a lúa, un espectáculo teatral da compañía Baobab Teatro onde os seus personaxes conviven a pesar das súas diferenzas. Unha actuación que transcorre sempre de noite, á luz da lúa, unha historia de amizade, amor e superación dos propios medos.

Por último, o domingo 8 de decembro, tamén ás 12 horas, familias e nenos de entre 3 e 8 anos poderán gozar da actuación Misterio de Nadal, da compañía Polo Correo do Vento. Trátase dun contacontos e música no que dous nenos son moi fans de Sherlock Holmes. Algo estraño sucede en Nadal na súa vila e comezan unha investigación. As prazas cubriranse por orde de chegada ata completar a capacidade da sala excepto nas que é requisito inscribirse previamente.

Actuación teatral “Cinco minutos sen respirar”

Ao Concello de Ferrol, por formar parte da Rede de Dinamización Lingüística, asignóuselle o espectáculo teatral Cinco minutos sen respirar, neste caso dentro das actividades de dinamización lingüística e organizado en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta e no marco do programa de actividades Nós contra a violencia. Será de balde tamén no Torrente Ballester o próximo día 3 de novembro ás 18.30 horas.

Lea también

Ha fallecido, a los 96 años de edad, el destacado científico ferrolano Emiliano Aguirre

El paleontólogo ferrolano Emiliano Aguirre Enríquez  (Ferrol, 5 de octubre de 1925), considerado el padre …