31 membros constitúen desde hoxe o Consello Sectorial da Muller para procurar a participación e a igualdade

O novo Consello Sectorial de Igualdade e Muller de Concello de Ferrol constitúese esta tarde, ás 19 horas, na Casa de Muller, tal e como informou Cristina Prados, concelleira da área.

Tras rematar o pasado día 13 o prazo para presentar as solicitudes, finalmente serán 31 os integrantes do consello: catro grupos municipais -PSOE, PP, FeC, BNG-, tres partidos políticos -PSdeG-PSOE, PP e FeC-, catro organizacións sindicais-UGT Ferrol, secretaría comarcal das mulleres da CIG-Ferrol, CC.OO., e o seu sindicato comarcal de pensionistas-, dezasete asociacións -Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas en Galicia, Dignidad, as asociacións de mulleres rurais de Doniños e Río D’Aneiro, Marcha Mundial Mulleres Ferrolterra, Cáritas, Ateneo Ferrolán, Arume, Almat, Fuco Buxan, asociación de mulleres «Barrio de Caranza», patronato Concepción Arenal, asociación ASCM, Alvixe, Acadar, Cogami, Afa- e tres mulleres a título individual. A concelleira ocupará o cargo de presidenta.

Unha vez revisada a documentación das solicitudes presentadas para formar parte do Consello, compróbase que había tres entidades que non cumprían co artigo que establece como requisito que os solicitantes deben ter un área de igualdade e muller, vocalía, secretaría ou similar. Ademáis, o regulamento establece que o número máximo de solicitudes de mulleres a título individual é de tres. Ao presentarse catro, esta tarde, na sesión constitutiva, realizarase un sorteo para elixir as tres participantes que se incluirán no Consello.

Dende a concellería indican que o novo órgano “é garante da plena participación das mulleres na vida cidadá, política, económica social e cultural”. É un espazo para “o exercicio da democracia participativa e activa”, e supón unha “canle de interlocución entre as mulleres e a Administración local, polo que o seu valor e importancia son inestimables no desenvolvemento da política local”. Deste modo, o Concello facilita a participación de entidades e asociacións da localidade.

Prados explicou que “queremos estar en estreito contacto coas asociacións de mulleres escoitando todas as demandas, suxestións e peticións que lles poidan xurdir”. Neste senso, detallou que desde o goberno municipal “hai unha clara aposta pola igualdade e cremos que ten que ser unha prioridade a transversalidade en todas as políticas do Concello”.

Lea también

FeC denuncia o lamentable estado dos parques caninos

Ferrol en Común denuncia «o estado lamentable no que se atopan os parques caninos da …