Mato reivindica no acto de irmandade con Mondoñedo a palabra como “ferramenta política” fronte á violencia

Ángel Mato e Elena Candía no acto institucional | Concello de Ferrol

A corporación municipal ferrolá deu esta mañá cumprimento á irmandade con Mondoñedo coa asistencia do alcalde Ángel Mato, e oito concelleiros á feira das San Lucas. Polo grupo do PSdeG, acompañaron ao rexedor os edís Antonio Golpe, Eva Martínez Montero e Germán Costoya, e do grupo do PP acudiron o portavoz, José Manuel Rey, xunto con María del Carmen García, José Tomé, Ana Leira e María Elvira Miramontes.

A comitiva ferrolá foi recibida pola alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, e os membros da corporación que preside e a continuación, no salón de plenos do Concello, as asociacións culturais O Pasatempo e Amigos da Cidade de Mondoñedo entregáronlle o premio Mondoñedo Universal ao escritor e periodista Ramón Loureiro. A presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz, que presentou a entrega, agradeceulle a Ángel Mato “facer posible de novo” o acto de irmandade entre Mondoñedo e Ferrol. Pola súa parte, Loureiro reivindicou “a Galicia do norte” coma unha unidade territorial e cultural.

Tamén Elena Candia celebrou a posibilidade de “recuperar” esa irmandade, polo que deu as grazas ao alcalde e a toda a corporación ferrolá. Mato, que comezou a súa intervención asegurando que supuña para el “unha honra” encabezar por primeira vez a delegación ferrolá nas San Lucas, reivindicou “a palabra” fronte á violencia porque, dixo, en momentos tan delicados como os que se están vivindo estes días, é “a mellor ferramenta política” para construír a sociedade. Tamén lembrou, do mesmo xeito que viña de facer Candia minutos antes, a preocupante situación que viven as comarcas do norte galego e insistiu en que reivindicará “ante todas as administracións” solucións axeitadas.

A visita institucional pechouse cun percorrido polas rúas da cidade, onde se estaba a celebrar a feira, ata o campo dos Paxariños para facer entrega dos premios do tradicional concurso de gando das San Lucas.

Lea también

Presentación do libro «Ser Cetáceo» de Francisco X. Fernández Naval no Museo de Historia Natural de Ferrol

Este viernes 26 de abril a las 19:30 horas en el Museo de Historia Natural …