Uns setecentos escolares de Narón participaron nunha andaina polo Camiño Inglés

O alcalde accidental de Narón, Guillermo Sánchez Fojo, e as concelleiras de Turismo e Ensino, Natalia Hermida e Mercedes Taibo, respectivamente, asistiron na mañá deste martes á iniciativa que pechará as actividades enmarcadas no programa municipal “Escolas no Camiño»,subvencionado pola Axencia de Turismo de Galicia e incluído nos proxectos de dinamización Xacobeo 2021. A proposta consistiu nunha ruta polo tramo do Camiño Inglés a Santiago de Compostela, que partiu sobre as 10.30 horas das inmediacións do mosteiro de San Martiño de Xuvia, na parroquia naronesa do Couto.

Un total de dez centros educativos públicos e concertados da cidade sumáronse a este programa, no que tamén participaron a maiores de alumnado de cuarto e quinto de Primaria, as edís Natalia Hermida e Mercedes Taibo, o historiador municipal de Narón, André Pena, e profesorado e estudantes de segundo Ciclo de Turismo do CIFP Rodolfo Ucha, entidade colaboradora e de donde procedían os guías turísticos. As setecentas persoas que se sumaron á convocatoria desta mañá recibiron durante a ruta información sobre os elementos singulares que ían atopando polo percorrido, entre eles o propio mosteiro de San Martiño de Xuvia e o muíño das Aceñas. O punto de remate desta camiñata situouse no paseo marítimo de Xuvia, donde o alumnado recibiu, sobre as 12.30 horas, un avituallamento e desfrutou dun concerto de música tradicional galega.

Unha das iniciativas que tamén se levaron a cabo durante a mañá foi a grabación dun video con drons, obtendo un material audiovisual que será propiedade do Concello, protagonizado por rapaces e rapazas de Narón e que se empregará a modo promocional e divulgativo do Camiño Inglés ao seu paso pola cidade. Representantes de cada un dos centros participantes recibiu ao remate desta actividade de mans de Guillermo Sánchez Fojo, Natalia Hermida e Mercedes Taibo un diploma acreditativo pola súa participación no programa “Escolas no Camiño”.

Natalia Hermida recordou que a través deste programa municipal “os rapaces e rapazas de Narón implicáronse nunha serie de obradoiros que se impartiron nas aulas dos centros educativos e a través dos que coñeceron máis polo miúdo a historia da peregrinación e as rutas milenarias en Galicia, a presencia do Camiño a Santiago en Narón e comarca e tamén fitos e puntos singulares do Camiño Inglés ao seu paso pola cidade”.

O historiador municipal André Pena Graña foi a persoa encargada de impartir estes obradoiros previos á ruta que tivo lugar durante a mañá.

A concelleira de Turismo valorou o traballo realizado polo alumnado da cidade e agradeceu a colaboración prestada tanto por parte do historiador municipal como polo alumnado de prácticas do Ciclo Superior de Guía, Información e Asistencia Turísticas do CIFP Rodolfo Ucha. Así mesmo, Hermida destacou o éxito de acollida deste programa nos centros educativos da cidade e a importancia de “poder levar a cabo este tipo de actividades a través das que dar a coñecer o noso patrimonio e, en particular, o localizado nas inmediacións do tramo Camiño Inglés a Compostela, unha ruta de peregrinación pola que pasan cada ano milleiros de peregrinos e peregrinas”.

Lea también

La conductora de un Toyota híbrido herida en una salida de vía en San Mateo, Narón

Pasadas las nueve y media de la mañana de este miércoles se registró un aparatoso …