O Concello porá en marcha unha serie de medidas correctoras para controlar os niveis de CO2 na piscina de Caranza

Un informe encargado polo Concello de Ferrol a unha consultora especializada en tratamento de augas e climatización, tras os picos puntuais de CO2 detectados na piscina de Caranza, indica a necesidade de acometer unha serie de actuacións nesa instalación deportiva municipal, inaugurada hai xa case trinta anos, antes de volver analizar o funcionamento da central deshumidificadora en réxime normal, coa presenza de nadadores no vaso. O concelleiro de Deportes, Antonio Golpe, asegurou que desde a súa área se está a buscar unha solución “definitiva” a un problema recorrente e que antes de abrir a piscina débese asegurar que está “en condicións óptimas”.

Como primeira medida, este documento recomenda a renovación dos 28 filtros cos que conta a máquina, xa que se ben non cumpriron aínda o ciclo de vida que contemplan as especificacións do fabricante, a súa substitución podería mellorar o caudal de aire e, en consecuencia, a evacuación do dióxido de carbono. O Concello formalizou o pedido esta mesma mañá. Por outra banda, comprobouse que os ventiladores de extracción de aire funcionan correctamente, practicamente ao 100 % da súa capacidade, pero detectouse que os de impulsión, que fan entrar aire nas instalacións, non están superando o 60 %, polo que habería que analizar co fabricante a posibilidade de que renderan ao máximo. Segundo consta no documento, este tipo de configuracións a menor rendemento decídense cando as instalacións ás que se conecta a máquina cando se instala vibran ou fan fortes ruídos se reciben o caudal de aire máximo.

Á vista de que en medicións de rutina efectuadas polo persoal da piscina se detectan certas elevacións do CO2 na zona de desaugadoiro da reixa perimétrica situada xunto á cristaleira exterior, o informe propón tamén a instalación de dous sifóns, un en cada unha das arquetas situadas na beirarrúa exterior da instalación, xa que na actualidade non existe este dispositivo que evitaría a entrada de gases procedentes dos sumidoiros.

Unha vez acometidas estas actuacións e comprobados os parámetros, recoméndase “realizar unha análise da máquina en condicións normais de funcionamento, isto é, aberta ao público e durante un día de actividade normal”. Serviría tamén para comprobar os caudais nas zonas de impulsión e admisión de aire, que dan a un patio posterior e que se atopan nunha zona “moi próxima”, polo que “pode que se produza unha mestura do aire expulsado ao exterior co aspirado para realizar a renovación do aire”, detalla o documento.

Outras posibilidades

Por outra banda, está pendente unha proposta para que unha persoa especializada se encargue de manexar os parámetros da central deshumidificadora. Mentres tanto, o concelleiro de Deportes, Antonio Golpe, empezou a contactar aos representantes dos usuarios afectados polo peche das instalacións para convocalos a unha reunión e explicarlles de primeira man a situación e todos os pasos que vai dar para tratar de solucionar o antes posible un problema que se vén repetindo dende o 2014 e para o que durante estes anos non se atopou unha solución definitiva.

De fallar todas estas medidas que propoñen os técnicos, aínda quedaría a posibilidade, segundo explicou Golpe, de “reducir o aforo nos momentos puntuais nos que ocupan a piscina os nadadores dos clubs, que, como deportistas de maior rendemento, coa súa actividade elevan máis os niveles de CO2”. Iso implicaría establecer “un novo reparto dos horarios negociando con todos os afectados para que xerase as menores molestias posibles”.

Lea también

Las selecciones comarcales se nutren de varios jugadores de la cantera Racinguista

El lunes 25 se disputó el Campeonato Gallego de selecciones comarcales, con 17 jugadores y …