O alcalde mostra a súa satisfacción pola aposta do Goberno polo ferrocarril de vía estreita e di que seguirá traballando para lograr a conexión co Eixo Atlántico

Ángel Mato en rolda de prensa | Adán Puentes

O alcalde, Ángel Mato, mostrou esta mañá a súa satisfacción e a do seu equipo de goberno “pola aposta polo ferrocarril de vía estreita que acaba de facer o Goberno” ao destinar máis de 14 millóns de euros a ese fin. O rexedor dixo que a substitución do bloqueo telefónico por outro automático, que onte aprobou o Consello de Ministros, é “a inversión máis importante en décadas” na liña entre Ferrol e Ortigueira. Segundo afirmou, esta obra non supón só un significativo aumento da seguridade no tramo, senón que tamén “vai favorecer un incremento do número de frecuencias e melloras nos horarios”.

Tiven a ocasión de reclamar a distintos Gobernos medidas para impulsar as conexións ferroviarias”, lembrou Mato en referencia á súa etapa como senador, durante a que xa no 2016 firmou unha moción na que lle esixía ao Executivo a supresión do bloqueo telefónico, “desaparecido na maior parte da rede do ADIF, xa que na maioría existe o bloqueo automático”, dicía o escrito. Por iso, considera “unha boa noticia que o Ministerio de Fomento atendera esta reclamación que Ferrol vén facendo dende hai anos”, e que vai na liña na de acadar unhas comunicacións modernas, algo que, insiste, seguirá a reclamar “sen descanso”.

Incorporación do novo parque rodante

O alcalde considerou que esta medida -“que vai na liña de que todos os cidadáns, calquera que sexa o seu lugar de residencia, teñan acceso aos servizos”- completarase coa incorporación do novo parque rodante que xa licitou o Goberno. Pero tamén debe vir acompañada de melloras nos apeadeiros, porque en Ferrol esta liña é un tren de cercanías, e porque isto “forma parte das ordes de servizo público que ten previstas o ministerio”.

Acadado este paso para modernización do ferrocarril, Ángel Mato invitou á Xunta e avanzar na construción da vía de alta capacidade do norte moito máis do previsto. Dixo que debe “tomar nota” e apostar tamén por esa estrada cun incremento da partida recollida no proxecto de Orzamentos para o 2020 e así unir canto antes mediante unha VAC o norte da provincia da Coruña coa Mariña lucense, “co que isto suporía para a competitividade das empresas de toda a zona”.

Do mesmo xeito, o rexedor comprometeuse unha vez máis a continuar traballando na reparación do “desequilibrio histórico” que supón para Ferrol seguir á marxe do Eixo Atlántico ferroviario. Insistiu en que pese a que este proxecto data de hai arredor de dúas décadas, á cidade “segue chegando un ferrocarril practicamente do século XIX”. Reparar esa situación, dixo, “é unha cuestión de xustiza”.

Lea también

«O Talentiño», certamen ferrolano que promueve el talento juvenil, ya en su recta final

«O Talentiño», el prestigioso certamen ferrolano del Concello de Ferrol que celebra y promueve el …