A alcaldesa de Narón entregou os diplomas do proxecto Titorización Entre Iguais no CEIP Virxe do Mar

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, desprazáronse na mañá deste luns ás 11.00 horas ao colexio Virxe do Mar para acudir ao acto de entrega de diplomas a vinte e seis nenas e nenos de quinto curso de Primaria que participan no proxecto Titorización Entre Iguais (TEI). Ferreiro encargouse de entregar os diplomas aos rapaces e rapazas que ao remate do acto coñeceron aos seus “titorizados”, alumnado de terceiro curso de Primaria.

O alumnado de quinto é a segunda promoción deste centro que recibe o diploma, despois de que un grupo de compañeiros e compañeiras recibisen a mesma acreditación o pasado curso. Os nenos e nenas de máis idade titorizan aos de terceiro curso, elixidos a través do pertinente sorteo. O alumnado de quinto ensinará valores e normas de convivencia aos seus compañeiros e compañeiras, co obxectivo de acadar a “tolerancia cero” en tódolos ámbitos da violencia, tanto a nivel escolar como no día a día da nosa sociedade. A través deste programa de Titorización Entre Iguais os escolares fórmanse nunha técnica innovadora contra a violencia escolar, para ofrecer axuda no caso de detectar problemas de convivencia e previr o acoso ou bullyng.

Marián Ferreiro agradeceu á dirección do colexio Virxe do Mar a invitación ao acto celebrado e destacou o labor de tódalas persoas que participan no programa de Titorización Entre Iguais. A alcaldesa da cidade incidiu na necesidade de que a sociedade teña moi presente “o respecto e a empatía á hora de relacionarse nos diferentes ámbitos” e recordou que “temos que seguir traballando todas e todos, xuntos, para previr condutas e comportamentos inaxeitados non só nas aulas, senón tamén fóra dos centros de ensino, porque non debemos tolerar ningunha manifestación de violencia”.

Ao remate do acto a alcaldesa e a concelleira de Ensino realizaron unha fotografía de grupo co alumnado de quinto de Primaria –titores- e o de terceiro de Primaria –titorizados- e animounos a continuar facendo do colexio Virxe do Mar un referente a través deste programa.

Lea también

A Biblioteca de Narón e a Axencia de Lectura da Gándara retoman “Trocolibro”

A Biblioteca de Narón e a Axencia de Lectura da Gándara retoman dende este luns …