Petición de voz e voto para Galicia de Fernando de Andrade nas Cortes Xerais de 1520

José Fonte Sardiña

Ademais da súa fazaña en Seminara, en 1503, que o fixo merecente do título de príncipe de Caserta e de incorporar as dezaoito bandeiras gañadas na batalla ao seu escudo ―que ordenou labrar na fachada da igrexa parroquial de Santiago de Pontedeume o arcebispo Rajoy (1751-1772) en 1763 e campa tamén hoxe no emblemático Torreón da vila despois de ser trasladado o brasón desde o antigo palacio dos Andrade―, Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas, considerado por Couceiro Freijomil como “unha das figuras de máis extraordinario relevo na historia de Galicia”, non dubidou en reclamarlle ao rei Carlos I de España (1516-1556), xunto ás máximas autoridades das cidades de Betanzos e A Coruña, que representaban aos demais municipios galegos, voz e voto para Galicia nas Cortes Xerais celebradas en Santiago de Compostela e na Coruña en abril de 1520, e en pedirlle ao monarca que prohibise a Zamora falar no nome de Galicia “porque no era cosa justa que una çibdad de otro reyno hable ni dé voto por un Reyno tan antiguo y tan noble como es este de Galizia”.

García Oro asegura, sen dúbida ningunha, que esta petición se fixo, pero pensa que, probablemente, foi presentada fóra dos muros dos conventos franciscanos de Santiago e A Coruña onde discorrían as tensas sesións.


Sexa como for, o certo é que o rei atendeu esta demanda e proclamou tamén a Alonso III de Fonseca (1507-1522) e a Fernando de Andrade, en 1521, capitáns xenerais de Galicia, aínda que pouco lles durou o cargo, porque, ao parecer de García Oro, a iniciativa minguaba sensiblemente as competencias do gobernador e da Audiencia de Galicia, cuxos titulares reivindicaban permanentemente as responsabilidades militares e defensivas e porque os municipios galegos, e en particular os máis activos, que eran A Coruña e Betanzos, receaban do inmenso poder que o novo título lles confería a Andrade e Fonseca. Así e todo, non perdeu o conde Fernando de Andrade o favor de Carlos I polo seu atrevemento, xa que o monarca o consideraba un dos seus principais interlocutores en Galicia e quixo que o acompañase, como capitán da súa frota, na viaxe a Alemaña para ser proclamado emperador Carlos V (1520-1558) do Sacro Imperio Romano Xermánico.

Entre as concesións que o rei e emperador lle fixo destaca a dirección do importante negocio que xurdía coa nova Casa de Contratación da Especiería da Coruña, en decembro de 1523, da que aparecía como valedor e garantía das iniciativas que se emprendesen e respondía por iso diante da Corte. Mortos Fernando de Andrade ―que quixo ser enterrado na capela maior da igrexa de Pontedeume, onde hoxe descansa para sempre― e o arcebispo Alonso de Fonseca, os nobres galegos abandonan as xustas reivindicacións do Reino de Galicia que estes defenderan e só procuran o seu interese persoal e situarse ben nas grandes maxistraturas da monarquía.


As principais obras que o conde de Vilalba, don Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas, mandou facer na súa vila de Pontedeume foron o convento agostiño de Nosa Señora de Graza, convertido hoxe en Casa da Cultura, e a capela maior e o retablo pictórico que a preside na igrexa parroquial.

Trouxo tamén de Italia a lendaria reliquia de san Nicolás de Tolentino que os frades agostiños arrebolaran ás lapas no incendio do ano 1607 ―ilustrado polo gran Siro López― para o sufocar. No incendio de 1621, contan que sacaron en procesión a imaxe do santo e o lume minguou. Por estes feitos, san Nicolás de Tolentino foi nomeado copatrón da vila de Pontedeume o dezanove de xuño de 1621 “para todo tempo de sempre xamais”.

 

Lea también

Noites craras do luar-Antes de pedir reprobaciones…mírense al espejo

José Luis Álvarez Con la benevolencia del director de Galicia Ártabra reanudo mis comentarios de …