A malagueña Blanca Álvarez Sánchez, gañadora do “XI Concurso de Pintura Cidade de Narón”

O xurado encargado de valorar as obras do “XI Concurso de Pintura Cidade de Narón” fixo público o fallo desta edición do certame, no que o primeiro premio, dotado con 1.500 euros, se concedeu á malagueña Blanca María Álvarez Sánchez, pola súa obra “Ciudad de Jirafas”. Ao concurso presentáronse un total de 90 obras, das que 49 eran da categoría de Adultos e as 41 restantes da Infantil. Os premios do certame entregaranse o vindeiro sábado, día 23, coincidindo co Día de Narón, festividade local, nun acto que terá lugar no Pazo da Cultura ás 18.00 horas. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidirá o acto de entrega, ao que tamén asistirán, entre outros, o concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo.

O segundo premio, dotado con 750 euros, foi para Manuel Ángel Serantes Morán, de Ponferrada, pola obra “Gran Vía” e o terceiro, de 400 euros, para Alejandro Galán Vázquez, de Sevilla, por “Almuerzo”. Así mesmo, como é habitual neste certame, concedeuse o Premio Especial Francisco Criado, dotado con 200 euros, que este ano foi para a ferrolán Josefina Porta Pereira pola súa obra “A toda vela”.

O xurado desta edición estivo presidido por Xosé Luis González Loureiro e entre os vocais estaban o artista Jesús Basterrechea e Andrés Gabarres, graduado en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid e gañador da anterior edición deste certame convocado dende o Padroado da Cultura de Narón.

Os traballos realizados nas diferentes categorías poden verse xa na entrada do Pazo da Cultura -de 9.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas de luns a venres e os sábados de 10.00 a 14.00- , donde permanecerán expostos ata o día 23 de novembro. A gañadora do certame, que non poderá presentarse ás dúas vindeiras edicións, ten dereito a unha exposición da súa obra durante quince días no Pazo da Cultura.

A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, destacou a calidade dos traballos presentados a esta undécima edición do certame. Así mesmo felicitou de antemán a tódolos participantes, en especial aos premiados, e animou á veciñanza a visitar a mostra do Pazo e a acudir ao acto de entrega dos premios o vindeiro sábado, día 23.

Lea también

Narón acomete melloras no firme de varios parques infantís

A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras e Urbanismo, …