O goberno naronés presentou o orzamento municipal para o ano 2020 que ascende a 33,4 millóns de euros

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, o concelleiro de Facenda, Román Romero, e o portavoz municipal do PSOE, David Pita, presentaron na mañá deste xoves no Concello os orzamentos correspondentes ao ano 2020. Os integrantes da Comisión de Facenda abordaron o documento na sesión celebrada ás 9.15 horas no Consistorio. A alcaldesa destacou que o deste ano «é o orzamento máis elevado da historia de Narón”, e indicou que ascende a 33.420.390,05 euros, “o que supón un incremento con respecto ao ano anterior dun 1,54%”.

Ferreiro incidiu en que “seguimos mantendo a débeda bancaria a cero, non solicitamos ningún préstamo bancario, continuamos cos impostos conxelados, e aínda así mantemos unha partida para investimentos de máis de 2,6 millóns de euros”. A alcaldesa asegurou que “este é o documento inicial e cos remanentes con respecto ao ano anterior situaremos o investimento a niveis moito máis elevados que no ano 2019”.

Pola súa banda, o edil de Facenda explicou que no orzamento de ingresos “hai variacións na recadación con respecto ao tema do IBI, pola rebaixa do interese que se foi realizando dende o Concello e tamén descenderon ingresos de administracións supramunicipais con respecto ao ano pasado e a día de hoxe, que esperamos que se compensen antes de finais do ano”. Así mesmo, Romero explicou que na área de gastos, “este grupo de goberno continúa apostando pola atención ás persoas, e o contrato de axuda no fogar increméntase en horas, cun orzamento autonómico importante que supón en conxunto 2,5 millóns para a licitación e dos que o Concello aportará máis dun millón de euros e o restante a Xunta e as familias”. A maiores, incrementaranse os programas de conciliación e igualdade impulsados a través do Concello.

Aludiu tamén o edil ao novo contrato de Recollida de Residuos Sólidos Urbáns e Limpeza Viaria “con melloras no servizo moi importantes que repercutirán na veciñaza”.

En canto aos gastos de persoal “increméntanse debido á subida salarial aprobada polo Estado para aplicar a partir do vindeiro ano, que será de dous puntos maior”.

O portavoz do PSOE, David Pita asegurou que “froito da boa relación dos dous partidos políticos do grupo de goberno destaca a saída deste orzamento en tempo e forma”. Pita recalcou que é un “orzamento social”, con importantes partidas para Igualdade e Axuda no Fogar e destacou que no equipo de goberno “traballaremos durante todo o ano para levar a cabo este orzamento”.

Marián Ferreiro subliñou que “con estes orzamentos apostamos por manter uns servizos de calidade e tamén reservamos importantes partidas ao mantemento de instalacións e espazos municipais”. As melloras en accesibilidade no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, a aposta polo saneamento cun investimento duns 500.000 euros no lugar de Ferrerías, en Prados; a construción dun parque infantil na parroquia do Val, a adquisición de novos terreos en Freixeiro, novos estacionamentos disuasorios no centro da cidade e a rehabilitación do muíño de Xuvia, que se contratará o vindeiro ano e ao que o Concello aportará 219.000 euros foron algunhas das obras destacadas pola alcaldesa.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …