O BNG non comparte a pretensión de integrar o dique da Cabana a Exponav

María do Mar López e Iván Rivas en rolda de prensa | Adán Puentes

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol non comparte «as intencións do goberno local» a respecto do Dique da Cabana e a súa integración en EXPONAV así como a «pretensión do aumento da aportación económica que o Concello destina a esta entidade«.

O BNG considera que debe ser o propio Concello de Ferrol quen directamente xestione o seu patrimonio cultural. «É unha mala xestión política investir diñeiro público na recuperación de elementos patrimoniais propiedade do concello para despois cedelos gratuitamente a outras entidades e que o Concello de Ferrol se desentenda completamente da súa xestión. O goberno municipal de Angel Mato continua, igual que os gobernos que o precederon, desentendéndose do patrimonio cultural da cidade, investindo diñeiro municipal na súa recuperación e posta en valor para que despois o poñan en mans doutras entidades, públicas e,ou privadas, para que o xestionen nunha evidente deixadez de funcións«.

Para o BNG, «antes de cederlle propiedades e elementos singulares con alto valor patrimonial ao Ministerio de Defensa o goberno local debería esixirlle a conservación e mantemento das abundantes propiedades que ten abandonadas neste Concello e que dependen directamente da súa xestión como os edificios do Sánchez Aguilera, o cuartel de mariñeiría entre outros«.

Ademais o goberno local «debería ter en conta que no espazo próximo ao dique desenvolven a súa actividade diferentes asociacións deportivas con deficiencias nas súas instalacións e que polo tanto deberían ser partícipes da toma de decisións que se faga sobre este espazo e máis se a solución é cederlle a xestión a un terceiro«.

O dique da Cabana é un elemento singular en toda Europa e o Concello «decide desentenderse da súa posta en valor e promoción para entregarllo a un terceiro sen definir nin tan sequera as condicións nas que se faría esta cesión«.

O BNG interesouse esta mañá por este tema na comisión informativa sen obter ningunha resposta sobre en que condicións pretende o Concello ceder o dique da Cabana ao Ministerio de Defensa tanto no que ten que ver cos supostos usos, tempos ou responsabilidades.

Esta decisión demostra «unha renuncia expresa por parte do goberno local a desenvolver unha política propia de posta en valor do patrimonio da cidade en base a criterios que poñan en valor a nosa historia delegando en institucións como o Ministerio de Defensa a capacidade para concretar esta política o que nos está a levar a actual situación de abandono e desleixo respecto do noso patrimonio pese ao seu alto valor como se evidencia no feito de que Ferrol segue sen contar cun ente xestor para os bens incluidos na candidatura a patrimonio mundial«.

Para o BNG é preciso definir a política sobre patrimonio do concello. «Compre lembrar que seguimos sen definir nin constituir o ente xestor da candidatura a Patrimonio Mundial que sería, en todo caso, quen debera de xestionar este ben por tratarse dun elemento que forma parte da proposta de candidatura de “Ferrol porto da ilustración” polo que calquera decisión que se tome sobre o mesmo pode ter repercusións nesta proposta. So desde o desleixo na xestión do noso patrimonio cultural enténdese este tipo de decisións igual que a de ir dotando de contidos espazos do castelo de San Filipe sen ter definido nin redactado o plano de usos do castelo«.

Así mesmo, para o BNG resulta «sorprendente» que o goberno local estea disposto a aumentar a aportación económica da subvencións nominativas a EXPONAV xestionada polo Ministerio de Defensa, «o cal non aboa un só euro por ocupar máis do 20% do solo urbano e con evidentes limitacións para integrar este patrimonio na trama urbana da cidade«.

Lea también

Psoe Ferrol «hai fórmulas para a estabilidade económica de Emafesa sen subirlle o recibo aos veciños»

O grupo municipal socialista cree que «hai outras formulas para conseguir a estabilidade económica de …