O Concello celebra no Auditorio a Mostra de Corais Interxeracional con seis agrupacións de Ferrol

Dentro das actividades culturais programadas polo Concello de Ferrol, o Auditorio de Caranza acollerá o próximo 13 de decembro, de 18 a 20 horas e de entrada libre, a Mostra de Corais Interxeracional, na que participarán catro agrupacións de persoas maiores, os nenos do Peque Coro do Conservatorio de Música Xan Viaño e, por vez primeira, Diapasón. Diso deu conta a concelleira, Eva Martínez Montero, na comisión de Benestar Social, Igualdade, Muller, Xuventude e Patrimonio Histórico celebrada esta mañá.

A Coral Ecos de Chamorro, composta por 27 voces e dirixida por Niurka Carbonell Serrano, interpretará Celoso, Salio de Jamaica, Le voy a Adorar e Ven a Cantar. A Coral Airiños de Caranza, con 31 membros e baixo a dirección de David Sanmartín González, cantarán Meu Pequeniño, Vinde Vinde, La Rosa del Azafrán e La del Soto del Parral.

A terceira agrupación de persoas maiores, o Coro Solpor do Espacio + 60 de A Fundación Ferrol, está integrada por 24 persoas e Ángel Carro Guzmán ocupa o cargo de director. O día 13 ofrecerán ao público as pezas La Bella Lola, Blanca Navidad, Amar y Vivir e 15 años tiene mi amor. A Asociación Coral Universidade Sénior de Ferrol, a última das formadas por persoas de máis idade, a compoñen 40 voces baixo a dirección de Míriam Fernández Marín. Está previsto que interpreten Bicos de Paz, La Huella de los Reyes Magos, Gloria al Niño e María Soliña.

Pola súa banda, o Coro Dipasón, formado por 41 adultos de todas as idades e con Juan Brage ao mando, levan no seu programa as pezas O Verde Gaio, Cantar de Nenos, Festejo de Navidad e El Pavo. Por último, a Mostra de Corais Interxeracional contará coa presenza do Peque Coro, formación integrada por cerca dun centenar de nenos do Conservatorio Xan Viaño dirixidos por Catarina Pita. Interpretarán Gloria RV 589, We are The Voices, María si Vas, Can you Hear Me?, Canon de Bego e Mari Poppins.

Na comisión de hoxe tamén deuse conta dos xantares especiais de Noiteboa e Fin de Ano que levará a cabo Dignidad no comedor sénior da rúa Río Xubia para todos os usuarios destes servizos municipais co obxectivo, explicou a edil, de que “ningún maior coma só”.

Lea también

O CIRS de Cervás de Ares, énchese polo Día Mundial do Teatro

Cunha radio xigante onde se poden ler nomes de lugares de todo o mundo, dende …