O Pontedeume que visitou Unamuno en 1903. Quince ou dezaseis rapazas casadeiras por cada mozo solteiro

José Fonte Sardiña

No capítulo titulado “Por Galicia” e incluído no seu libro Por tierras de Portugal y
España, Miguel de Unamuno asegura que na súa viaxe a Galicia en 1903 visitara a vila de Pontedeume e conta que moitos homes tiñan que marchar desta terra galega, ben para pasar longas tempadas lonxe do fogar navegando e pescando polos mares do aquén e do alén para gañar o pan, ben pola necesidade de emigrar. As mulleres quedaban soas, traballando no que podían e coidando dos fillos.

Mulleres eumesas

Nestes exemplos vexo eu recollido tamén, aínda que de tempos algo posteriores, un
anaco non pequeno da existencia do meu pai, que navegou polos mares do mundo boa
parte da súa vida para que a nós non nos faltase de nada, e da miña nai, que quedaba
soa, coa miña avoa e a miña tía María, coidando dos fillos. Aínda hoxe lembro aquelas
tardes nas que iamos á centraliña da Telefónica de Pontedeume, onde as de Vilariño nos pasaban a ansiada chamada paterna, porque na casa non tiñamos teléfono daquela.

O terrible drama da emigración, que deixaba a Galicia e as súas mulleres sen homes e os nenos sen pais, xa fora denunciado medio século antes, en 1863, por Rosalía de Castro nos Cantares gallegos, e en 1880, nas Follas novas, por exemplo no seu poema “Pra a Habana”, onde se refire ás “Viudas de vivos e mortos / que ninguén consolará”, e logo tamén por Castelao nos seus debuxos.

Unamuno fala da feminina paisaxe galega e dunha terra na que case só quedan mulleres ―ás que ao meu ver non describe con xustiza―, nenos e vellos, porque os homes en idade de traballar teñen que marchar.

Festa da árbore

Pontedeume, como el puido comprobar, era unha das vilas nas que este drama acontecía en maior medida: “A paisaxe en Galicia é feminina, e case non se ven máis que mulleres traballando os eidos; os homes están fóra, navegando, pescando, en América, no interior de España. Alí quedan, na terra vella, mulleres e nenos. En Pontedeume aseguráronme que había quince ou dezaseis mozas para cada mozo solteiro, e en xeral podería supoñerse que hai unha ducia de mozas por cada mozo. E as mulleres, cando o traballo non as murchou, son como a paisaxe, de carnación moi fraguada, ben tapados os ósos, redundantes como as que pintou Rubens, con tupida fronde de cabeleira, con ollos nos que asoma a melancolía secular dun pobo antigo” (Traducido por min de Miguel de Unamuno: Por tierras de Portugal y España, Madrid, 1911).

Mulleres eumesas

Nunha entrevista que lle fixera Francisco Camba e publicara na primeira páxina de La Voz de Galicia, do dezaseis de decembro de 1915, Unamuno dixo anos despois da súa visita e de publicar Por tierras de Portugal y España que Betanzos e Pontedeume eran dúas vilas galegas nas que lle gustaría vivir.

Lea también

El 10 de marzo de 1972 en Ferrol ¿Tragedia o suceso histórico?

Enrique Barrera Beitia Todos los ferrolanos sabemos que el 10 de marzo de 1972 una …