Ferrol celebra a VIII Carreira Nocturna “Corre por Ferrol” o 21 de decembro

Presentación da Carreira Nocturna | Concello de Ferrol

A oitava edición da Carreira Nocturna “Corre por Ferrol”, organizada polo Servizo de Deportes do Concello de Ferrol, coa colaboración da Deputación e o control técnico da delegación ferrolán da Federación Galega de Atletismo, terá lugar o sábado 21 de decembro a partir das 20 horas para menores e 21 horas para adultos. Así o presentou esta mañá o concelleiro de Deportes, Antonio Golpe, acompañado por Paulino Cartelle, delegado en Ferrol da Federación Galega de Atletismo, e Antonio Cortés, de Gadis, patrocinadora xunto con Coca-Cola.

A proba, que pertence ao VII Circuíto Provincial de Carreiras Populares organizado pola Deputación da Coruña, será de 5.000 metros, discorrerá polo municipio e contará con cinco categorías para menores e sete para a proba absoluta. As inscricións, gratuítas, poderán efectuarse a partir do día 6 de decembro ata as 22 horas do día 19 de decembro a través da páxina www.rockthesport.com. Trátase dunha cita deportiva tradicionalmente celebrada no verán e que nesta ocasión “trasládase ás festas de Nadal”, explicou o edil, quen valorou como un “luxo” e tamén un “aliciente” correr baixo a iluminación do Nadal que estes días adorna a cidade.

A organización establece uns límites: 700 dorsais para a carreira absoluta e 400 para a de menores. A retirada de chips e dorsais poderase efectuar no polideportivo da Malata o venres 20, e o sábado 21 pola mañá. Pola tarde, de 16.30 a 20 horas poderán recollerse no posto habilitado para a carreira no Cantón de Molíns.

Premiaranse as tres primeiras persoas clasificadas de cada categoría das absolutas e menores e a entrega de trofeos realizarase ao rematar o control da meta. Ademais, Gadis sorteará tres cestas de Nadal.

A organización recomenda aos participantes que, con anterioridade á proba, efectúen un recoñecemento médico específico e que realicen un adestramento axeitado para as características desta competición.

Lea también

El BAXI Ferrol juega mañana en A Malata ante el Vega Lagunera Adareva Tenerife

Las jugadoras del BAXI Ferrol disputan mañana, a las 17.00 horas en el pabellón de …