O Concello naronés inicia este venres os actos da campaña de reciclaxe “Narón conta contigo”

O Concello de Narón iniciará este venres unha campaña para fomentar a reciclaxe e concienciar á cidadanía sobre a importancia de seguir este tipo de condutas. Para levar a cabo esta iniciativa actuarase en tres áreas, tal e como indicou o concelleiro de Servizos, Ibán Santalla, que anunciou que a primeira das propostas se levará a cabo este venres pola tarde no Centro Comercial Odeón. Santalla animou á cidadanía a implicarse nestas actividades para que «a campaña “Narón conta contigo” sexa un éxito e a nosa cidade continúe incrementando mes a mes as taxas de reciclaxe de diferentes tipos de residuos”

Santalla explicou que persoal especializado na materia impartirá unhas charlas medioambientais este venres pola tarde, e tamén o vindeiro, día 20, de 18.00 a 21.00 horas, nunhas carpas que se instalarán en Odeón. “Eliximos esa ubicación para esta proposta porque nos ofrece a posibilidade de chegar a un maior número de persoas da nosa cidade”, apuntou o edil. As persoas que colaboren terán a oportunidade de recibir un agasallo, xa que se repartirán botellas reutilizables e bolsas realizadas con material reciclado, tamén reutilizables, que se intercambiarán por outras plásticas.

Esta campaña reforzarase coa entrega de cartelería informativa entre os establecementos comerciais e hostaleiros da cidade durante a tempada de Nadal.

Finalmente, a partir do 14 de xaneiro, apuntou Santalla, escolares de quinto e sexto curso de educación Primaria de centros de ensino da cidade tamén se implicarán nesta iniciativa, en colaboración co persoal do equipo de Educación Viaria do Concello de Narón e tamén de persoal especializado en temas medioambientais, que se desprazarán ás aulas para traballar co alumnado sobre a importancia da reciclaxe. As sesións terán unha duración dunha hora e programáronse un total de vinte e oito que se sucederán nos colexios de Piñeiros, Ayala, Virxe do Mar, Jorge Juan, Santiago Apóstol, A Gándara, A Solaina e O Feal. “En total acudirán a estas charlas case 650
alumnas e alumnos destes centros”, avanzou Santalla, que subliñou a importancia de “traballar este tipo de materias con diferentes colectivos e especialmente cos nenos e nenas, que teñen tamén un papel fundamental á hora de colaborar no seu ámbito familiar e de amizades para sensibilizar sobre a importancia de reciclar e coidar o medio ambiente”.

Lea también

Permanece aberto no Concello de Narón o prazo de solicitude de axudas para material didáctico e comedores escolares

A concelleira de TEGA, delegada da área de Ensino de Narón, Mercedes Taibo, recorda que …