Os castelos, os títulos de conde de Vilalba e de Andrade, e a Casa de Alba

José Fonte Sardiña
O dezanove de decembro de 1371 Pontedeume perde, na práctica, a súa condición de vila de reguengo, que o rei Afonso X o Sabio (1252-1284) lle concedera o trinta dedecembro de 1270 e que fora confirmada por posteriores privilexios dos reis Fernando IV (1295-1312), do cinco de marzo de 1306, e Afonso XI (1312-1350), do vinte e catro de xullo de 1345, e pasa a ser señorío dos Andrade por un privilexio asinado en Burgos
polo rei Henrique II (1369-1379) en favor de Fernán Pérez de Andrade o Bo, o seu
primeiro señor. Malia que os reis Xoán II (1406-1454), o nove de maio de 1434, e
Henrique IV (1454-1474), o dezasete de marzo de 1464 ―este último documento
consérvase co Concello de Pontedeume― confirmaron o privilexio de 1270, a vila
pasou a depender en 1371 directamente da Casa de Andrade.

O vinte e dous de marzo de 1486, consonte os datos que me proporciona a Casa de
Alba a través de don José Manuel Calderón, a raíña Isabel I a Católica (1474-1504)
concédelle a don Diego de Andrade, sétimo señor da vila de Pontedeume, o título de
conde de Vilalba, aínda que parece ser que el nunca o utilizou. Segundo nos conta
Alfredo Erias Martínez, don Diego de Andrade, “a diferenza do seu pai, mantívose fiel á Coroa e foi o capitán dos isabelinos en Galicia, polo que en 1476 os Reis Católicos lle concederon 100.000 marabedís ao ano ‘de acostamiento’ e confirmaron todos os seus privilexios, así como o patrimonio que herdou” (Tomado e traducido de Alfredo Erias Martínez: “Iconografía de las tres iglesias góticas de Betanzos. San Francisco, Santa María do Azougue y Santiago”, Betanzos, 2014, p. 88). Os seus restos descansan na igrexa de Santa María de Monfero, baixo unha lápida onde aparece labrada a súa figura coa armadura de cabaleiro, a espada na man destra e na esquerda o escudo da Casa de Andrade, coa lenda AVE MARIA GRACIA PLENA DOMINUS TECVN. Debaixo do escudo está gravada a inscrición AQI YAZ EL MVY NOBLE CAVALLERO DIEGO DE ANDRADE (Foto de Ángel Cendón).

Don Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas, o seu fillo, que está enterrado no lado
do Evanxeo do altar maior da igrexa parroquial de Santiago de Pontedeume, foi o oitavo señor da vila e o segundo conde de Vilalba, como reza na inscrición do seu sepulcro
―AQVI IACE EL EX[CELENTISI]MO S[EÑOR] D[ON] FERNANDO DE
ANDRADE CONDE DE VILLALBA S[EÑOR] DE PVUENTEDHEUME Y
FER[R]OL QVE FVE ENTER[R]ADO EN VN PANTEON DENTRO DE LA
CAPILLA M[AYO]R DE ESTA YGLESIA EN XI DE O[C]TUBRE DE 1540 Y SE
TRASLADARON SVS HVESOS EN ESTE NICHO EN 28 DE FEBRERO DEL AÑO
DE 1758―, título que herdara do seu pai.

Tareixa de Andrade Zúñiga e Ulloa, que casara co cuarto conde de Lemos Fernando
Ruiz de Castro Osorio e Portugal, era a herdeira do condado de Vilalba, pero, como
morreu antes do pasamento do seu pai o conde Fernando de Andrade, ao falecer este, no ano 1540, consonte consta na súa inscrición funeraria, ou en 1542, data en que
posiblemente aconteceu a morte, o seu neto Pedro Ruiz de Castro e Andrade, alcumado o Vello e fillo dos devanditos Tareixa de Andrade Zúñiga e Ulloa e o conde de Lemos Fernando Ruiz de Castro Osorio e Portugal, pasou a ser o terceiro conde de Vilalba e polo tanto noveno señor de Pontedeume. O primeiro de maio de 1543, o rei Carlos I (1516-1556) ―na imaxe pintado por Tiziano― concedeulle a Pedro Ruiz de Castro e Andrade o título de conde de Andrade.

Logo, co pasamento do seu pai en 1576, Pedro Ruiz de Castro e Andrade tamén se
converteu en quinto conde de Lemos e segundo marqués de Sarria e uniu as Casas de
Lemos e de Andrade nunha soa.

Desde aquela, como recoñece Couceiro Freijomil, “a historia de Pontedeume é
preferentemente interna e local. Tomando os novos señores asento noutro lugar, a vida da bisbarra experimentara unha radical transformación; perdidos os factores deprosperidade que os Andrade lle subministraban, a vila limítase en adiante a vivir a conta dela, perdendo bastante da súa antiga sona e do seu esplendor” (Couceiro
Freijomil: “Historia de Pontedeume e a súa comarca”, cuarta edición, Pontedeume,
1995, p. 271) (Foto de Ángel Cendón).

En 1794, Carlos Fitz-James Stuart y Silva convértese no décimo cuarto conde de
Andrade e décimo oitavo conde de Lemos, e, á morte sen descendencia da súa
curmá María del Pilar Teresa Cayetana de Silva y Álvarez de Toledo en 1802, en
décimo cuarto duque de Alba. Así, Carlos Fitz-James Stuart y Silva, no 1802, une na
súa persoa as Casas de Alba, Lemos e Andrade, e este é o motivo polo que os castelos
de Andrade, Moeche ou Naraío son propiedade da Casa de Alba, aínda que estean
cedidos á Administración Pública, e polo que o actual duque de Alba, Carlos Fitz-James Stuart y Martínez de Irujo, posúe tamén os títulos de décimo noveno conde de Andrade, vixésimo terceiro conde de Lemos e vixésimo primeiro conde de Vilalba.

Lea también

Las cuentas del concello

Enrique Barrera Beitia El pasado lunes el pleno municipal ferrolano aprobó el presupuesto para 2024. …