Dúas epifanías compostelás e aquelas cabalgatas de Reis da miña infancia eumesa

José Fonte Sardiña

Talvez a epifanía policromada más fermosa de Santiago de Compostela sexa a do  tímpano románico do pórtico da igrexa compostelá de San Fiz de Solovio, que representa os Reis Magos no portal de Belén como os primeiros peregrinos da
cristiandade e foi levantada no lugar onde vivía recollido o eremita Paio, que atopou nas súas inmediacións, no bosque de Libredón, no primeiro terzo do século IX, os sagrados restos do apóstolo Santiago e dos seus discípulos Teodoro e Atanasio, que foran alí soterrados case oito centurias antes.

A Virxe, coroada de gloria, agarima no seu colo ao Salvador, que leva a coroa dun reino que non é deste mundo. Á súa esquerda, un pastor axeonllado adora ao Neno Xesús e san Xosé observa compracido, sentado e sostendo na man o seu bastón. Á dereita, o rei Melchor, que quitou a súa coroa en sinal de respecto ao redentor do mundo, entrégalle o ouro; ao seu carón, Baltasar, de pé, fai ademán de quitarse igualmente a súa coroa porque está próximo o seu momento; e en terceiro lugar aparece Gaspar, tamén en pé, co cofre de incenso nas mans e a coroa na cabeza, esperando a súa quenda.

No capítulo 52 de Al Rey de los Ángeles, titulado “Isla de Lejos”, Ramón Loureiro fala
da Adoración dos Reis Magos do tímpano da colexiata de Santa María da Coruña e
conta que as imaxes alí labradas se moven en canto collen confianza con aquel que as
mira. Intrigado, ao día seguinte, decidín pasar pola igrexa de San Fiz de Solovio e,
malia que Santiago de Compostela non ten a luz das cidades asolagadas que Cunqueiro lle atribúe á Coruña, despois de contemplar devagariño a epifanía policromada do seu pórtico, puiden comprobar que os personaxes picheleiros alí representados se moven e actúan como di o narrador que o fan os cascarilleiros. E aínda hai quen di, miñaxoia, que Melchor, Gaspar e Baltasar non son magos.

Hai tamén en Santiago de Compostela outro pórtico que representa a Adoración dos
Magos na miña antiga facultade de Filoloxía, hoxe de Filosofía, dunha feitura moi
semellante aos dous anteriores. Nas súas aulas aprendín a amar a nosa lingua galega, a castelá, a italiana, a francesa e mesmo a latina, da que todas veñen, e algunhas das obras literarias que nelas se escribiron.

Moitas veces que paso pola igrexa de San Fiz de Solovio ou polo pórtico da que fora a
miña vella e querida facultade, de maneira especial nas festas de Nadal, veñen á miña
memoria aquelas humildes, e así e todo marabillosas, cabalgatas eumesas que Arturo
argallaba co seu camión do polvo, como todos a chamabamos, nas que sempre había
moreas de caramelos e ilusión para dar e tomar. Vaia desde aquí a miña máis fonda
gratitude a el e a cantos fixeron que a nosa infancia en Pontedeume fose tan feliz (Foto
de Lourdes Amado, filla de Arturo).

Lea también

Entre los Goya y los Oscar mi favorita es «Yo acuso»

Pedro Sande García   Comencé a escribir este artículo una semana después de la entrega …