A programación cultural do Concello para este trimestre inclúe as actuacións de James Rhodes, Fredi Leis e o Mago Yunke

Antonio Golpe presentando a programación cultural | Concello de Ferrol

O concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, presentou esta mañá no Teatro Jofre a programación cultural do primeiro trimestre en Ferrol. A falta de algún espectáculo que se podería incluír en próximas datas, explicou que, no tocante ao seu departamento, a lista está practicamente pechada.

O edil afirmou que para estes meses déuselle unha volta á oferta habitual e que se apostou “moito” pola calidade para ir “un paso máis aló”. Cualificou a programación de “completa e variada”, axeitada para todo tipo de públicos, tanto polos tramos de idade como pola diversidade dos espectáculos. Inclúense música de diversos estilos, dende clásica ata pop, teatro, monicreques, maxia…

Golpe lembrou que esa aposta pola calidade pódese ver en espectáculos como Solitudes, que o sábado se poderá ver no Jofre e que conta, ademais de dous Max, con diversos premios internacionais.

Tamén confirmou un dos pratos fortes, o concerto de James Rhodes, que o propio pianista adiantou hai uns días nas súas redes sociais, e anunciou que outro dos nomes importantes no apartado musical será o de Fredi Leis, un cantautor cunha proxección enorme e que xa recentemente colaborou en La Voz cos equipos de Rosario e Melendi. Outro será o do Mago Yunke, que está considerado neste momento o mellor ilusionista do mundo e que é moi coñecido, entre outras cousas, polas súas aparicións no programa El hormiguero.

Dentro do apartado de clásica, Antonio Golpe lembrou o inestimable traballo da Sociedade Filarmónica, que posibilitará que se poida ver na cidade dúas veces tanto á Orquesta Sinfónica de Galicia coma á Real Filharmonía de Galicia.

E para pechar, o 28 de marzo, o Jofre acollerá a representación de Macbeth, o ruído e a furia, nunha adaptación de Manuel Lourenzo cun elenco no que figuran Xoán Carlos Mejuto e Luis Iglesia, que coincidiron xa en Matalobos, e un David Perdomo algo afastado dos papeis como o de Land Róber polos que é máis coñecido.

Para segundo trimestre estase a deseñar unha oferta que seguirá a mesma liña, unha vez contrastados os resultados ata marzo, e que conectará, detallou o edil, coa do verán, que para este 2020 preténdese que se estenda polos meses de xullo e agosto e que non se concentre nunha semana.

Lea también

La Cátedra Jorge Juan, promovida por la UDC y la Armada, conmemora su 30 aniversario en el Campus de Ferrol

El rector de la Universidad de A Coruña, Ricardo Cao Abad, presidida, junto con el almirante …