Narón celebra un ano máis o Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto,

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a edil de Ensino, Mercedes Taibo, presentaron este venres xunto co presidente da Asociación Memoria Histórica Democrática, Manuel Pita, e co historiador Enrique Barrera, secretario da citada entidade, os actos que se levarán a cabo na cidade con motivo do Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto, que se conmemora cada 27 de xaneiro. O Concello colabora un ano máis coa Asociación Memoria Histórica Democrática na organización destes actos

Exposición

O vindeiro luns, día 20, procederase a inaugurar a exposición “Galegos en Mauthausen”, ás 19.00 horas. A mostra consta de imaxes e documentos propios da época e que se poderá ver na sala de exposicións da Biblioteca municipal ata o sábado 1 de febreiro, de luns a venres, en horario de 17.00 a 20.00 e os sábados de 10.00 a 13.00. Ao acto inaugural poderán asistir as veciñas e veciños que o desexen, que terán a oportunidade de escoitar as explicacións que dará sobre o material exposto o historiador Enrique Barrera.

O luns día 27 deste mes celebraranse dúas propostas máis do programa. A primeira delas ás 11.00 horas na Biblioteca municipal, cando 25 alumnas e alumnos de cuarto curso de ESO do colexio Ayala e 18 de Bacharelato do IES As Telleiras participarán nunha visita guiada á exposición “Galegos en Mauthausen”, na que tamén estarán acompañados por representantes do goberno local e do historiador Enrique Barrera.

Acto institucional

Ese mesmo día 27, ás 12.00 horas celebrarase no Concello o acto institucional de acendido de velas en recordo das vítimas do Holocausto, iniciativa na que participará o alumnado dos citados centros de ensino da cidade. Neste acto que terá lugar no salón de plenos participarán tamén dous músicos da Asociación Cultural Musical Sementeira, aos que dende a organización se agradece a súa implicación neste evento.

Conferencias

A programación inclúe a maiores unha conferencia, “Galegos en Mauthausen” que impartirá o historiador Enrique Barrera o día 21 deste mes no IES das Telleiras e nunha data aínda por determinar no colexio Ayala.

Os representantes da Asociación Memoria Histórica Democrática valoraron a colaboración do Concello de Narón e destacaron o feito de que cada ano son máis os concellos que se implican en organizar actos conmemorativos para recordar as vítimas do Holocausto, tal e como indicou Pita. Así mesmo, Barrera fixo un chamamento a asociacións e entidades da comarca interesados en programar algún acto para que contacten coa Asociación Memoria Histórica Democrática, dende donde ofrecen a súa colaboración para organizalos.

Os protagonistas son os rapaces e as rapazas en particular e a sociedade en xeral, aos que explicaremos esta parte da historia que comezou con casos puntuais de actos xenófobos e foi medrando ata rematar como rematou”, apuntou Barrera.

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, convidou á veciñanza a visitar a exposición que se inaugurará o vindeiro luns na Biblioteca municipal “para coñecer unha parte da historia que non pode quedar no esquecemento e que todas e todos debemos coñecer co fin de condenar este tipo de feitos e rendir unha homenaxe aos diferentes colectivos vítimas do Holocausto, entre os que tamén había xente da nosa comarca”. Finalmente a rexedora local agradeceu o labor que realiza a Asociación Memoria Histórica Democrática.

Lea también

O Concello de Narón organiza unha nova edición de “Noite no mosteiro” no Couto

A concelleira de Turismo do Concello de Narón, Natalia Hermida, anunciou a celebración, o vindeiro …