A “XVI Mostra da Camelia Cidade de Narón” desenvolverase esta fin de semana en Odeón

A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, e o edil de Feiras, Santiago Galego, presentaron na mañá deste luns xunto con Eusebio López, vicepresidente da Asociación Galega da Camelia, e Manuel Pico e Manuel Cruz, secretario e tesoureiro, respectivamente da citada entidade, a “XVI Mostra da Camelia Cidade de Narón”, que se celebrará esta fin de semana, o sábado e o domingo, nas instalacións do Centro Comercial Odeón. En total está prevista a participación de cultivadores de camelios de Narón e doutros concellos da comarca, pero tamén chegarán procedentes doutros municipios e comunidades. A convocatoria incluirá a duodécima edición do Concurso de Flor de “Camelia Cidade de Narón”.

O sábado

O vicepresidente da Asociación Galega da Camelia avanzou que participarán un total de trinta expositores –xa confirmados, aínda que poden anotarse ata o vindeiro xoves máis persoas chamando ao número de teléfono 660 599 700- de Narón e comarca pero tamén chegados de Cantabria, Asturias, Lugo, A Coruña e, maioritariamente, de Pontevedra. A apertura e montaxe da Mostra será o sábado a partir das 9.00 horas e ás 13.00 horas o xurado iniciará a calificación dos lotes presentados ao Concurso de Flor de Camelia Cidade de Narón, estando garantido este ano o éxito de floración, tal e como indicou López.

Pola tarde, ás 17.00 horas será a inauguración oficial da Mostra que se abirá ao público coincidindo co acto de entrega de premios e poderá visitarse ata as 20.00 horas.

O domingo

O domingo tamén se poderá ver entre as 11.00 e as 18.00 horas, momento no que se clausurará e nesta xornada inclúese a maiores a visita ao xardín de camelias dun dos socios fundadores da Asociación Galega da Camelia, Abelardo Seoane, ubicado en Magalofes (Fene) e a finca de Manuel Pico, secretario da entidade. As persoas interesadas en asistir deben tamén anotarse previamente (chamando ao teléfono 660 599 700- e reuniranse ás 10.00 horas na explanada da gasolineira de Fene, co fin de saír sobre as 10.15 horas de alí cara ao xardín de Abelardo Seoane, tal e como explicou Eusebio López.

En canto aos premios do citado certame, entregaranse á Mellor Camelia japónica, á Mellor Camelia reticulata, á Mellor especie de camelia, ó Mellor híbrido de Camelia, á Mellor flor miniatura, ó Mellor cultivador-expositor e á Mellor composición artística colectiva. A este último premio poderán optar todas as agrupacións que representen a un colectivo (asociacións, entidades culturais, etc.), ás que López animou a participar.

A edil de Turismo explicou que se trata dun evento “moi consolidado no Concello de Narón e que organizamos en colaboración coa Asociación Galega da Camelia para esta fin de semana no Centro Comercial Odeón”. Neste concello, asegurou “xa é unha tradición facer esta mostra, que cada ano causa máis expectación e recibe máis visitas porque a exposición que fan é todo un espectáculo”, subliñou Hermida.

Finalmente, o edil de Feiras, Santiago Galego agradeceu o traballo realizado pola Asociación Galega da Camelia ao longo do ano, “para esta mostra e para a conservación e creación de novas especies como a camelia Cidade de Narón”. Galego asegurou que o Concello está orgulloso de continuar participando neste evento e convidou á cidadanía a desprazarse ao Centro Comercial Odeón para desfrutar desta nova edición da Mostra da Camelia Cidade de Narón.

Lea también

Narón conmemora o Día Internacional do Libro cun “Pequeno obradoiro literario”

Os nenos interesados en participar no Pequeno obradoiro literario organizado na Biblioteca municipal de Narón poderán …