O concello de Narón conmemorará o «Día de Rosalía» con varios actos

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, presentaron na mañá deste luns os actos organizados dende o Concello para celebrar o Día de Rosalía -que se conmemora cada 24 de febreiro, coincidindo coa data de nacemento de Rosalía de Castro, no ano 1837- na Rede Bibliotecaria municipal. Ferreiro explicou que o Concello de Narón celebrará oficialmente esta data con varios actos que se sucederán en diferentes ubicacións da cidade.

A primeira das citas do programa de actos do Día de Rosalía terá lugar o vindeiro venres, día 21, ás 19.00 horas, na Biblioteca municipal, donde se convocou o faladoiro: “De Rosalía de Castro a hoxe: A escrita feminista na literatura galega”, a cargo da escritora e traductora María Reimóndez. Trátase dunha actividade dirixida a público xuvenil e adulto, tal e como indicou Ferreiro. No acto, explicou, tomarase como punto de partida a escrita de Rosalía de Castro, para interrogar as dificultades, silencios e logros das escritoras feministas en Galicia. “Trátase dunha convocatoria moi participativa para traballar con textos de varias autoras e para que as persoas que participen poidan obter unha imaxe máis completa do sistema literario galego e unha visión máis certeira da importancia da escrita para poder transformar unha sociedade”, apuntou.

O sábado día 22, tamén na Biblioteca haberá un obradoiro de marcapáxinas, que dará comezo ás 11.15 horas, e que está pensado para nenas e nenos a partir de 3 anos. Aqueles interesados en asistir deben anotarse a partir de este martes na sala de adultos da Biblioteca ou chamando ao número de teléfono das instalacións -981 382 173- no horario de apertura.

A continuación, sobre as 12.00 horas, terá lugar o acto de lectura pública da obra de Rosalía de Castro, aberto á cidadanía en xeral e no que participarán, entre outros representantes da corporación local, a alcaldesa, Marián Ferreiro, e a edil de Bibliotecas, Mercedes Taibo, ademáis da escritora María Reimóndez. Será esta última a encargada de ler o manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, redactado por Daniel Asorey, a quen este ano a entidade lle encargou redactar o manifesto en homenaxe a Rosalía de Castro que protagonizará todos os actos oficiais da entidade e doutras institucións. As persoas que se acheguen á Biblioteca terán a oportunidade de ler un poema ou un fragmento da obra de Rosalía de Castro, que poderán levar dende as súas casas xa elixido ou seleccionar algún dos que estarán preparados na Biblioteca para este acto. Alumnado da Escola de Formación de Actrices e Actores de Narón colaborará neste evento.

Tralo acto na Biblioteca, sobre as 12.45 horas, procederase a plantar un fillo da figueira da Casa Museo de Rosalía, doado pola Fundación Rosalía de Castro, no parque da rúa Rosalía de Castro (na Gándara), unha convocatoria que contará coa asistencia de representantes da corporación local e do presidente da citada Fundación, Anxo Angueira.

As actividades programadas con motivo do Día de Rosalía chegarán tamén á Ludoteca-Axencia de Lectura da Solaina, donde o venres 21 os menores que acudan, de entre 7 e 12 anos, poderán participar no xogo “Rosalía de Castro”, que consistirá na elaboración dun xogo de mesa que permitirá aos nenos e nenas coñecer máis polo miúdo a vida e obra desta escritora e o que representou e aportou á literatura e cultura galegas. A actividade desenvolverase entre as 16.00 e as 18.00 horas e o traballo formará parte dun xogo que se continuará realizando no mes de marzo, cando se recompilarán máis figuras femininas que loitaron polos dereitos e liberdades das mulleres.

Así mesmo, tanto na xornada do venres 21 como o sábado 22, as persoas que leven en préstamo un libro en galego da Biblioteca central, da Axencia de Lectura da Gándara ou da Ludoteca-Axencia de Lectura da Solaina, recibirán como agasallo unha flor. Tamén a recibirán as persoas que merquen un libro en galego nas oito librarías naronesas que colaborarán un ano máis nesta iniciativa organizada polo Concello con motivo do Día de Rosalía: Day, Nova, Contos, Nany, Merche, Albatros, Fina e Pasapáxina.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, agradeceu a implicación das persoas e entidades que colaboran na organización dos actos que se levarán a cabo na cidade con motivo do Día de Rosalía e convidou ás veciñas e veciños a participar nos mesmos, “para recordar e homenaxear ao mesmo tempo a unha das figuras máis relevantes da literatura do século XIX e da nosa cultura, que nos deixou un legado tan importante e que tanto aportou a prol da lingua galega”.

Lea también

O Goberno de Narón chega a un acordo para manter o servizo de madrugadores

O goberno local e as Anpas de Narón chegaron a un acordo para manter temporalmente …

Un comentario

  1. Señora alcaldesa, deixese de tanta conmemoración e de tanta leria e faga o favor
    de arreglar e limpar as calles, que da noxo ver como etá está todo o concello. Vexe
    que non viaxa moito. Dentro de pouco, superarémos a Ferrol.