O Concello presentoulles aos operadores o plan para renovar do mercado da Magdalena

Reunión cos vendedores do mercado de A Magdalena | Concello de Ferrol

O alcalde, Ángel Mato, e os concelleiros responsables de Mercados, Germán Costoya, e de Promoción Económica, María Teresa Deus, reuníronse esta semana con representantes dos vendedores do mercado da Magdalena para tratar diversos asuntos que afectan á actividade desas instalacións municipais.

Entre outros temas, abordaron a regulación do aparcamento nas inmediacións do edificio, na que traballa o Concello co obxectivo de facilitarlles prazas aos operadores no párking subterráneo ao tempo que se pecha ao estacionamento a explanada entre a nave do peixe e a nave provisional.

Pola súa banda, os vendedores fixéronlle chegar ao goberno municipal unha proposta para levar a cabo diferentes actividades durante a Semana Santa. Tanto o alcalde como os concelleiros acolleron con interese a iniciativa, posto que entre os obxectivos do equipo de goberno figura a dinamización do comercio local e dos mercados. De feito, a edil de Promoción Económica trasladoulles que se estudarán tanto este como outros proxectos que sirvan para darlle promoción ao mercado.

En canto ao sistema de concesión de postos, informóuselles de que se está a analizar unha modificación que axilice a súa posta a disposición de quen desexe explotalos. O obxectivo é que se poida tramitar a adxudicación en menos de cen días dende que o interesado presente a solicitude. No tocante a este asunto, tamén se están a estudar fórmulas para recuperar as concesións de espazos que, aínda que estean adxudicados, non se atopen en explotación. Todas estas son medidas que responden á necesidade de que os mercados da cidade “estean vivos”, en palabras de Costoya.

O encontro serviu para que os vendedores coñecesen o proxecto de renovación das instalacións que está a preparar o Concello, unha iniciativa que neste momento se atopa en proceso de elaboración dos pregos para a súa contratación e que está presupostada en 300.000 euros.

Está previsto que a obra se desenvolva en torno a tres eixos, que son a reparación de cubertas, a substitución de carpinterías exteriores e o tratamento das fachadas. A primeira parte consistirá na actuación sobre o tellado da cuberta principal, coa limpeza de canles e a aplicación de pinturas de minio electrolítico e de sikalastic. Tamén se reparará a cuberta das escaleiras que conducen ás dependencias da Oficina Municipal de Información ao Consumidor, co desmontado da impermeabilización adherida, a realización de taladro pasamuros, aplicación de enfoscado hidrófugo, a instalación de baixantes de aluminio, a impermeabilización, o emplastecido e aplicación de pintura plástica e a colocación dunha porta cortalumes.

En canto á carpintería exterior, levantaranse as lamas de vidro para substituílas por outras de aluminio lacado e reixas de ventilación, e poñeranse novos vidros. Por último, no referido ás fachadas, actuarase sobre elas con auga a presión, ao igual que nas terrazas, onde se aplicará pintura sikalastic e se retirarán as gravas das cubertas planas para a súa limpeza e reposición. Tamén se repararán as xuntas de dilatación.

Lea también

Los bomberos de Ferrol dejan de prestar servicio en otros seis municipios de la comarca

El presidente de la junta de personal del Ayuntamiento de Ferrol, Javier Sandá (CSIF), ha …