Narón celebrou este sábado actos centrais do programa para conmemorar o Día de Rosalía

A escritora María Reimóndez leu na mañá deste sábado na Biblioteca municipal de Narón, ás 12.00 horas, o manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega redactado por Daniel Asorey con motivo do Día de Rosalía. Deste xeito comezaban os actos programados dende o Concello para conmemorar esta data, que se iniciaron na Biblioteca municipal e donde tamén se realizou unha lectura pública da obra de Rosalía de Castro.

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, foi a encargada de iniciar o turno de lecturas, cun poema desta recoñecida poetisa galega do século XIX. A continuación algunhas veciñas e veciños da cidade sumáronse á lectura con diferentes obras da autora galega e tamén participaron na actividade a edil de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, e a de Benestar Social, Catalina García. Este ano tamén leron poemas de Rosalía alumnas e alumnos da Escola de Formación de Actrices e Actores de Narón, aos que Ferreiro agradeceu a súa implicación, así como a de María Reimóndez e do resto de persoas que acudiron á convocatoria. Ao remate da lectura os asistentes recibiron como agasallo unha flor en recordo do Día de Rosalía.

Rematado o acto as representantes do goberno local desprazáronse á rúa Rosalía de Castro, na Gándara, para plantar unha filla da figueira de Rosalía no parque alí localizado. O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, desprazouse tamén ao lugar para plantar a árbore xunto coa alcaldesa, Marián Ferreiro, nunha cita á que tamén acudiron outros edís da corporación local e algunha veciñanza. A figueira plantada este sábado é filla da localizada na Casa Museo de Rosalía de Castro e a Fundación Rosalía de Castro donouna ao Concello para plantala na cidade.

Ferreiro e Angueira descubriron ademáis unha placa conmemorativa do acto, localizada nas inmediacións da figueira.

 

“Que esta figueira pequeniña que vén da Casa de Rosalía medre como medra tamén o amor do pobo de Narón pola figura de Rosalía de Castro”, desexou Angueira. Pola súa banda, Marián Ferreiro agradeceu a súa presencia en Narón, nun día con moitos actos conmemorativos en recordo da figura da poetisa galega. “Dende hoxe temos en Narón un sitio máis a donde vir cada 24 de febreiro a ensalzar a figura de Rosalía de Castro, dando a coñecer o seu labor e manténdoa viva no recordo”, asegurou a alcaldesa, que recoñeceu que “é un pracer contar con esta figueira na nosa cidade para recordar a Rosalía de Castro”.

Lea también

Charlas dirixidas a familias con menores matriculados nas escolas infantís de Narón

A edil de Ensino do Concello de Narón, Olga Ameneiro, informou que os días 22 …