Petición dun Día das Letras Galegas para Ramiro Fonte no aniversario de Rosalía

José Fonte Sardiña
Un vinte e catro de febreiro de 1837 nacía en Santiago de Compostela ―o mesmo día, ben que moito tempo despois, viña a este mundo a miña sobriña Marina Fonte Villar, á que vai dedicada esta crónica― Rosalía de Castro, quen, cumpridos os vinte e seis anos, animada e axudada polo seu home Manuel Murguía ―o grande intelectual galeguista e primeiro presidente da Real Academia Galega―, paría, en 1863, nun dezasete de maio, os seus Cantares Gallegos, cos que renacía, despois de cinco séculos de “negra sombra” e escuridade, a poesía galega, como ben deixou escrito o meu admirado paisano Ramiro Fonte no poema “Ano de 1863”, marabillosamente ilustrado polo tamén eumés Jacobo Muñiz López no Xardín do pasatempo, un libriño para nenos, que, así e todo, nos entusiasma a moitos dos que xa non o somos, publicado pola Editorial Tambre en 2008, nunha colección que dirixía Ignacio Chao, que é, coma os devanditos, igualmente de Pontedeume.

Os seus paisanos composteláns, no nome de Galicia, levantáronlle a Rosalía de Castro
un fermoso conxunto escultórico no que aparece, sentada e pensativa, no Paseo da
Ferradura da Alameda, como se estivese cavilando nas “Dúas palabras da autora”, que lle deron título ao prólogo de Follas Novas, onde deixou dito: “Creerán algús que
porque, como digo, tentei falar das cousas que se poden chamar homildes, é por que me esprico na nosa lengoa. Non é por eso. As multitudes dos nosos campos tardarán en ler estos versos, escritos a causa deles, pero só en certo modo pra eles. O que quixen foi falar unha vez máis das cousas da nosa terra, na nosa lengoa, e pagar en certo modo o aprecio e cariño que os Cantares Gallegos despertaron en algúns entusiastas […].

Quedaba obrigada a que non fose o primeiro i o último. Non era cousa de chamar as
xentes á guerra e desertar da bandeira que eu mesma había levantado” (Rosalía de
Castro: “Dúas palabras da autora”, en Follas Novas, 1880, citada pola edición de 2001 de Xerais e La Voz de Galicia, que utilizou os textos fixados por Blanca-Ana Roig
Rechou en 1990, p. 34)

Así agromaron as Follas novas, das que a propia autora dicía nos poemas IV e V de
“Vaguedás”: “Diredes destos versos, i é verdade, / que tén estrana insólita harmonía, /que neles as ideas brilan pálidas / cal errantes muxicas / que estalan por instantes, / que desaparecen xiña, / que se asomellan á parruma incerta / que voltexa no fondo das curtiñas, / i ó susurro monótono dos pinos / da beiramar bravía. // Eu direivos tan só que os meus cantares / así sán en confuso da alma miña / como sai das profundas carballeiras / o comenzar do día, / romor que non se sabe / se é rebuldar das brisas, / si son beixos das frores, / se agrestes, misteriosas harmonías / que neste mundo triste / o camiño do ceu buscan perdidas […]. Non Follas novas, ramallo / de toxos e silvas sós, / hirtas, coma as miñas penas, / feras, coma a miña dor” (Idem, p. 41 e 42).

Hoxe descansa por sempre, con xustiza, nun lugar de honra, orgullo dos que amamos a nosa lingua, no Panteón de Galegos Ilustres, na igrexa conventual de San Domingos de Bonaval de Santiago de Compostela, capital de Galicia e cidade que a viu nacer.

En Pontedeume, na entrada da vila pola ponte de pedra, temos unha praciña dedicada a Rosalía de Castro, na que se erixiu un monólito na súa honra e lembranza, e desde o
pasado ano, o Paseo Marítimo leva tamén o seu nome.

Pretiño da ponte onde morre o Eume, a carón deste pequeno monumento de pedra que os eumeses lle levantamos en 1985, escoita hoxe a nosa máis grande poetisa, que coa publicación dos Cantares Gallegos o dezasete de maio de 1863 lle puxo data ao Día das Letras Galegas, os versos que lle canta baixiño, coma un arrolo, desde a súa derradeira morada de Porto o noso bardo Ramiro Fonte, ao que a Real Academia Galega, a non moito tardar, lle debería dedicar esta emblemática xornada: “Baixo os arcos desta ponte/ pasan as augas da vida / durmidas. // Pasan as augas do tempo / levando os ollos dun neno / cara ás outras augas frías” (Ramiro Fonte: “Ponte”, en Luz do mediodía, A Coruña, 1995, p. 63).

Este sábado, vinte e dous de febreiro de 2020, ás doce e media da mañá, para celebrar o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, Pontedeume preparou unha homenaxe, na praza que leva o seu nome, na que Francisco Vila e María José Allegue leron algúns poemas e se fixo unha ofrenda floral. No acto, no que non faltou o sol para completar a festa, interveu o grupo “Airiños do Eume”.

Lea también

Los coronavirus de la Antigüedad

Enrique Barrera Beitia La pandemia gripal padecida en 1918 no destruyó los cimientos de la …

2 comentarios

  1. Pouco podería engadir eu,veciño,porque todo sería pouco,sobre todo despóis de lerte aqui.Encantóume todo,ainda que hai algo que me chega algo máis.Trátase do prólogo de «Follas Novas» : “Creerán algús que
    porque, como digo, tentei falar das cousas que se poden chamar homildes, é por que me esprico na nosa lengoa. Non é por eso. As multitudes dos nosos campos tardarán en ler estos versos, escritos a causa deles, pero só en certo modo pra eles. O que quixen foi falar unha vez máis das cousas da nosa terra, na nosa lengoa, e pagar en certo modo o aprecio e cariño que os Cantares Gallegos despertaron en algúns entusiastas […].» Pero todo o demáis que escribes me parece interesante,e tamén como o ilustras,veciño,asi que mil grazas sempre.