O pleno do Concello aproba unha declaración institucional para a inmediata carga de traballo no sector naval

Fot. arch.

O pleno municipal aprobou na sesión ordinaria celebrada esta noite unha declaración institucional en demanda dunha inmediata carga de traballo para o sector naval. O texto, presentado como moción por Ferrol en Común, e que estaba incluído no punto número 14 da orde do día, foi finalmente levado ao pleno como declaración institucional tras o acordo dos catro grupos políticos da corporación. Este punto votouse en primeiro lugar e obtivo o respaldo dos 25 edis.

A continuación, tras a previa aprobación dos borradores das actas das sesións anteriores, correspondentes ás celebradas os días 27 e 30 de xaneiro e 12 e 20 de febreiro (extraordinarias) e 30 de xaneiro (ordinaria), deuse conta das resolucións ditadas pola Alcaldía e os seus delegados no período comprendido entre os días 16 de xaneiro e 14 de febreiro e dos expedientes de omisión de fiscalización.

O punto número 4, a proposta de aprobación do expediente de omisión de fiscalización previa da relación de facturas, contou cos apoios de PSOE (8) e FeC (3), mentres que PP (12) e BNG (2) se abstiveron.

Por parte da Tesourería, deuse conta da liquidación do Orzamento de 2019 e do informe de morosidade e do período medio de pago correspondente ao cuarto trimestre de 2019, de cumprimento de prazos Ley 15/2010.

O punto número 7 da orde do día, a proposta de aprobación da corrección de erro material na EDUSI «Ría de Ferrol, Cidade 2020» que afecta ás liñas de actuación LA06 e LA07, foi aprobado por unanimidade.

Por parte da área de Igualdade, no punto número 8 deuse conta das vítimas mortais por violencia de xénero, dende o 1 de xaneiro ata o 18 de febreiro de 2020. A continuación, votouse a proposta de aprobación da Declaración Institucional do 8 marzo de 2020, que tamén contou co apoio de todos os edís.

En canto ás mocións, debateuse primeiro a incluída no punto número 12, do grupo municipal popular, relativa á construción dun campo de fútbol en San Juan no Concello de Ferrol. Aprobouse por unanimidade.

A continuación, foi o turno para a de Ferrol en Común pola accesibilidade no Concello de Ferrol (punto número 15). O BNG propuxo unha emenda no sentido de demandarlle ao goberno local a elaboración da ordenanza de accesibilidade universal, á que se uniu o PP e que foi aceptada. Logrou a unanimidade a favor.

O seguinte punto que se abordou foi o 13, a moción do grupo municipal Popular relativa á adopción de medidas de apoio á festa das Pepitas de Ferrol. Contou cos votos a favor de PP (12), PSOE (7) e FeC (2). O BNG (2) abstívose.

O BNG defendeu despois a súa moción relativa ao barrio de Recimil (punto 16). Aprobouse por unanimidade.

O pleno finalizou coas dúas mocións presentadas polo PSOE. A primeira delas, sobre o financiamento das entidades locais na prestación do servizo de axuda no fogar (punto 10 da orde do día), foi aprobada con 13 votos a favor (PSOE, FeC e BNG) e 12 en contra (PP). A segunda (punto 11), sobre o plan marco da Xunta de Galicia para a mellora de camiños rurais, foi retirada.

Lea también

Los bomberos de Ferrol dejan de prestar servicio en otros seis municipios de la comarca

El presidente de la junta de personal del Ayuntamiento de Ferrol, Javier Sandá (CSIF), ha …