Mato reuniuse coa ministra de Traballo e altos cargos de Industria e Transición Ecolóxica para reclamar accións en favor da reactivación económica de Ferrolterra

Ángel Mato, Víctor Ledo e Yolanda Díaz na reunión | Concello de Ferrol

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, visitou esta mañá as sedes dos ministerios de Traballo, Industria e Transición Ecolóxica para manter reunións coa ministra Yolanda Díaz e diferentes altos cargos. Ás citas asistiu acompañado polo secretario xeral da Federación de Industria de CC.OO. en Galicia, Víctor Ledo. A viaxe de Mato a Madrid —inscrita no acordado na mesa de alcaldes e axentes sociais que se constituíu o pasado xaneiro—, tiña como obxectivo trasladarlle ao Goberno central distintos asuntos relacionados coa reactivación industrial e económica de Ferrolterra, entre eles, a necesidade da construción dun dique cuberto no estaleiro, a diversificación cara a sectores como a eólica (tanto terrestre coma mariña) e o impulso da Fábrica de Turbinas. Esto, no tocante a Navantia, aínda que durante os encontros tamén se abordaron outras cuestións ligadas a unha transición enerxética xusta.

A ministra de Traballo aseguroulle que, como boa coñecedora das circunstancias que padece Ferrol, fará todo o que estea na súa man para trasladarllas ao distintos ministerios, porque este, dixo, é un problema “de Goberno” que debe ter unha solución interministerial.

Durante a reunión cos responsables de Industria, o alcalde trasladoulles a preocupación existente en Ferrol e a súa comarca pola perda de tecido empresarial que se está a experimentar nos últimos tempos, debida, entre outros factores, á decisión de Endesa de pechar a produción eléctrica con carbón, á diminución da carga de traballo nos estaleiros da ría e á deslocalización de certas industrias. Como posibles solucións a ese grave problema, Mato formuloulles unha serie de propostas para a reactivación industrial de Ferrolterra.

Un eixo destas demandas é o naval. O rexedor destacou a importancia de Navantia como motor económico de toda a zona, que se debe consolidar a través dun urxente desenvolvemento do estaleiro 4.0. Recentemente a SEPI aprobou o taller de subbloques, pero queda pendente buscar o financiamento para a construción do dique cuberto, unha peza crucial para o proceso de adaptación tecnolóxica, a redución de custes e o incremento da competitividade das instalacións. Tamén reclamou unha potenciación da área de Reparacións (na liña do que se vai producir proximamente coa renovación de varios transatlánticos) e da Fábrica de Turbinas, unha unidade que para o alcalde debe, ademais de construír dispositivos navais, aproveitar o seu potencial para abordar de forma competitiva procesos relacionados coa transición enerxética, como a coxeneración, a eólica terrestre, a incorporación de turbinas de gas e o mantemento de centrales.

Contrato ponte ata a chegada das F-110 e incorporación de persoal a Navantia

Dúas cuestións clave das que se falou durante o encontro foron a necesidade dun contrato-ponte que sirva para cubrir a falta de carga de traballo entre a entrega dos buques para a Armada australiana e o comezo do programa de fragatas F-110, previsto para o 2022, e a incorporación de traballadores a Navantia prevista no Plan Estratéxico da empresa. Para Ángel Mato, estes meses que quedan por diante son cruciais á hora non só de consolidar os cadros de persoal do estaleiro ferrolán e das empresas auxiliares, senón tamén para atallar o estado de incerteza que está a padecer a sociedade ferrolá.

Mato explicou tamén a importancia de que os ministerios, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña vaian da man para aproveitar todo o potencial formativo, as infraestruturas de investigación existentes na cidade —ligadas á Xunta e á Universidade— e o tecido industrial ferrolán para promover proxectos de innovación edesenvolvemento tecnolóxico centrados na colaboración público-privada. Nese senso, indicou que se debería desenvolver un centro tecnolóxico na cidade. O obxectivo é a dinamización dos sectores produtivos actuais e a implantación de novas empresas ligadas, por exemplo, á enerxía, á metaluxía e a montaxe, á moda, ou á tecnoloxía.

Estas foron, segundo explicou o alcalde despois dos encontros desta mañá, as primeiras dunha serie de entrevistas que continuarán nas próximas semanas. Polo momento, Mato ten pechadas citas coa titular do Ministerio para a Transición Ecolóxica, a vicepresidenta Teresa Ribera, e con responsables dos departamentos de Facenda e de Fomento.

Lea también

Ferrol invierte más de 416.000€ en la mejora de caminos y carreteras del rural

El alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, dioa conocer los principales asuntos tratados en la …

2 comentarios

  1. Xa está por eiquí a Iolanda outra vez,.

  2. Podría también haber aprovechado la reunión para pedirle al Gobierno que no recurriese la sentencia que condena al Estado a pagar una indemnización por la muerte de Couso, un ferrolano. Es una vergüenza qu Yolsnda no hiciese nada para evitar esa decisión del Gobierno. Me acuerdo muy bien de todas las veces en que compareció Yolanda acompañando a la familia de Couso. Ahora, entre estar en el gobierno o apoyar a la familia opta por lo primero. No me extraña ese comportamiento, lo que lamento es que utilizase el dolor de una familia que le importaba un pimiento. Si tuviese algo d dignidad dimitiría de su cargo. Pero no creo que renuncie a la milonga del sueldo de Ministra. Si tal, la coherencia para otro momento. Lo dicho, de vergüenza.